por | Mai 16, 2018 | Cinema & TV | 0 Comentarios

Niñato, realidade con rap de fondo

No cinema estamos acostumados ás grandes historias, a ver a grandes heroes salvando o mundo ou a personaxes torturados. Pero non se ve o que de verdade ocorre aínda que moitas véndase verosimilitude. Ao mellor á maior odisea do día é erguer aos teus fillos pola mañá ou vencer a monstruosa tarefa de conseguir que fagan os deberes. Simplemente, que o momento de máis pracer da xornada pode ser requentar comida no microondas pola noite.

Niñato é a primeira longametraxe de Adrián Orr. É un documental que que continúa á curta Buenos Días, Resistencia. David Ransanz é un rapeiro que ten ao seu cargo tres nenos. Non ten traballo máis aló dunha carreira musical que non remata de despegar. Vive coa sua nai e a súa irmá e soamente esta última ten traballo. No filme nárrase durante catro anos a vida da familia. Nesta ambición temática recorda a película de Richard Linklater, Boyhood.

Pero Orr, decide quedarse no pequeno a propósito. Nas cousas minúsculas que din moito. Quere retratar a vida desta familia dende a total intimidade, poñendo especial fincapé nos momentos cotiás. O máis interesante é o contexto de fondo, ese barrio obreiro posterior á crise do 2007 que é en Madrid, pero é totalmente extrapolable a calquera barrio do Estado Español.

Toda a obra está gravada cámara en man coa intencionalidade de lograr a captación de momentos íntimos e espontáneos. Non hai equipo de iluminación, o único cámara é o propio director da película. Se houbese un equipo, sería absolutamente imposible que isto vise a luz. Polo menos dun xeito tan real. Como contrapartida, hai escenas onde a imaxe non é a mellor ou onde o son é indescifrable. Este último aspecto quizá é o maior defecto do filme e que pode chegar incluso a afectar a aprehensión do relato nalgún momento.

O maior valor da película é que está feita dende unha perspectiva de clase. Adrián Orr foi o DJ do grupo de Ransanz hai anos e creceron xuntos no mesmo barrio. No lugar onde acontece Niñato. Non é Ken Loach facendo unha película sobre as inxustizas que vive clase traballadora, é un home que fala da súa xente dunha maneira honesta. Amosa a realidade tal e como a ve. Nunha casa non se fala de microeconomía dun xeito explícito pero si de canto custa o comedor dos nenos.

Noutro elemento a destacar é a normalización da cultura Hip-Hop. Moitas veces estigmatizada ou tratada dun xeito abraiante, segundo o contexto. Debido de novo ao ollar do que mira as cousas en primeira persoa, atopamos unha imaxe moi realista. Non é protagonista en ningún momento pero sempre está de fondo ou na actitude das personaxes. Tamén como vínculo entre David e Oro, o neno sobre o que bascula a trama.

No documental, gañador de premios en festivais como o de Sevilla ou o de Buenos Aires, vemos certos perfís que escapan ao normativo. Por exemplo, o home é o que coida aos fillos mentres que é a súa irmá a que traballa para a familia. Porén, a situación non escapa á sociedade patriarcal que vivimos. Na casa é a nai quen fai a comida ou pon a lavar a roupa do non poucos habitantes da casa.

Niñato é unha obra moi interesante, dende un punto de vista correcto e na que moita xente se verá recoñecida. O mellor que se pode dicir de ela, é que se nota o cariño co que está feita e que fai un retrato totalmente verosímil dun fogar humilde de calquera esquina do Estado. Unha visión moi salientable e que se sae do típico. Unha forma de ver o que acontece nun fogar de forma horizontal.

Niñato


Director
: Adrián Orr
Guión: Adrián Orr
Fotografía: Adrián Orr
Ano: 2017
País: España

New Folder Studio