Select Page

‘Dhogs’, ‘Matria’ e ‘Trinta Lumes’ obteñen novos galardóns

A poucos días da súa agardada estrea en salas no Día das Letras, Dhogs vén de engadir un novo recoñecemento ao seu abultado palmarés obtendo o premio á mellor longametraxe dentro da sección Panorama Fantástico no Festival de Cine Fantástico de Bilbao. Para o xurado a ópera prima de Andrés Goteira merece este premio “por ser unha película poderosamente visual, crúa e moi directa, e sobre todo, pola invitación á reflexión que nos fai sobre o consumo da violencia”.

Xustamente esta fin de semana puido verse unha proxección de Dhogs dentro do Festival primavera de Cine que se clausurou este domingo dando a coñecer un palmarés cunha maioría feminina na realización dos filmes galardoados. Trinta lumes, de Diana Toucedo, alzouse co premio do xurado á mellor longametraxe galega; o premio do público nesa mesma categoría foi para Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro. La mujer invisible, de Noemí Chantada, e Matria, de Álvaro Gago, compartiron o Premio á mellor curtametraxe galega.

Matria xa recibira con anterioridade o premio á mellor ficción de curtas no Indie Lisboa “por reflectir profundamente a condición das mulleres nunha Galiza empobrecida e deserta”. Pola súa banda, Trinta lumes acadara o premio da crítica no festival de cine de autor D’A Film Festival Barcelona. O xurado salientou “o seu diálogo entre o cine fantástico e o documental, conxurando pantasmas e capturando formas de vida en perigo de extinción”.