Select Page

por | Mai 15, 2018 | Cinema & TV | 0 Comentarios

“Vingadores: A guerra do infinito”, o equilibrio do universo Marvel

Marvel Studios cumpre 10 anos sacando a súa película máis ambiciosa ata a data, tras desenvolver moitísimos superheroes a dúas ou máis películas o ano chegamos ata este filme, que pretende unilos a todos ante o que debe ser o gran vilán, xa non da saga, senón do Universo Cinematográfico, Thanos.

Esta figura é o sinal de que esta película pretende ser máis trascendente do habitual. Thanos leva plantando sementes do que é e do que quere en moitas outras películas, pero é n’A guerra do Infinito onde se lle da o trasfondo necesario para comprendelo. Móstrasenos aquí a un ser con sentimentos, gris no ético, pero con honor e fundamentos. Busca eliminar a metade dos habitantes do Universo coas xemas do infinito, para que éste poida subsistir, buscando o equilibrio universal.

No cómic do que se parte, Thanos cargábase a medio Universo porque estaba namorado da Morte (personificada nun ente), polo que se pode dicir que, canto menos, a película sí que lle da certa profundidade a súa misión persoal, creando un vilán na liña doutros recentes coma Voitre (“Spiderman Homecoming”) ou Erik Killmonger (“Pantera Negra”), é dicir malvados con razóns para selo, cun plan pensado e coherente.

Creado este vilán tan bo (para os estándares de Marvel, digamos), a película fai o traballo de colocalo no centro da trama, que non necesariamente da acción. Desta maneira é Thanos o que faría a tradicional “viaxe do heroe”, intercambiando os roles tradicionais. Seguímolo na súa aventura polo espacio buscando as xemas do infinito, tendo dificultades (a embosacada de Titán) e pérdidas persoais, para finalmente acadar o seu obxectivo. Neste senso, Marvel ofrece un punto de vista moi interesante, que lle da un sopro de aire fresco a súa narrativa.

En canto aos superheroes, ós vingadores, ofrécesenos unha xuntanza quizáis non tan épica, pero sí equilibrada, que era difícil. Non se nos amosa a todos os heroes de súpeto, senón que crea os ambientes que os definen a cada un, para despois xuntalos e ver como empastan, en pequenos grupos que desenvolven tramas paralelas.

Temos por un lado a mistura dos Gardiáns da Galaxia e Thor, nun tono de humor máis bobalicón. Os primeiros despois xuntaríanse con Iron Man, Dr. Strange e Spiderman, que se encontran a medio camiño entre a acción e un humor máis irónico. O outro grupo está conformado polo Capitán América e o resto de vingadores, sobre os que se basa a acción, constante, co mesmo pulso ca sempre, aínda que prefiro a sinerxia de poderes da emboscada de Titán á espectacularidade de Wakanda.

A estrutura (similar á de “Star Wars VIII”, por exemplo) faise sinxela de seguir xa que se enlazan as tramas e as personaxes de forma fluida e natural, levando a bo cabo a aposta pola multitrama paralela, que cadra a perfección coa coralidade do filme.

Spiderman e Thor son as personaxes que máis adoecen nesta xuntanza. O universo propio do home-araña ten un tono adolescente moi marcado, difícil de encaixar, aínda que a súa relación con Tony Stark nos da o momento máis sentido do filme. O caso Thor é complexo, xa que ese último xiro cara a comedia de “Thor Ragnarok” parece que despistou ós irmáns Russo, que non saben moi ben como levalo, amosando un carácter pouco coherente, para rematar sendo o Deus todopoderoso clásico da primeira película.

O famoso clímax da película (se non a viches aínda aquí veñen os spoilers que tes que evitar) sucede cando Thanos consegue a última xema, nunha escena que recorda, ton aparte, a “Funny Games” de Haneke, e reduce a poboación do Universo á metade, “matando” a máis da metade dos protagonistas. Aínda que é unha aposta forte, creo que esta valentía está medida e programada ó milímetro, xa que sobreviven os máis clásicos, bendita casualidade, supoño que para forzar un renacemente e reconciliación final do grupo. A sorpresa non ten tanta trascendencia, xa calquera sabe que na próxima película acabarán revivindo todos dalgunha maneira. Segundo o visto no clip post-créditos, a Capitana Marvel terá que ver niso, sendo a superheroína cos poderes máis similares a Warlock, o personaxe protagonista do cómic.

Este clímax, aínda que é unha sorpresa sen moito recorrido, funciona como final e cliffhanger suficientemente forte (vaia se o é) para aguantar o hype ata o ano que vén. A escena está filmada con moito mimo e un ton, agora sí, arriscado e adecuado, desde a frialdade, sen épica ou drama, simplemente desesperanza ante a imposibilidade de facer nada por parte dos superheroes que sempre gañaban. Tan só ese medo, case infantil, de Spiderman, perfectamente enlazado co que é a personaxe, nos recorda o dramático do que está a ocorrer.

Os Vingadores parecen querer entrar na liña do empoderamento femenino que recorre o mainstream recente. As seguintes películas da compañía son a Avespa e a Capitana Marvel, ésta última parecendo ter un papel clave na secuela d’A guerra do Infinito. Por iso faise estraño a morte de Gamora e, sobre todo (por evitable), de Scarlet Witch, personaxes de importancia vital na trama. Esta última, fáisenos infrausada no filme, afondando poucas liñas na súa historia con Visión, o que fai que nos importen menos que por exemplo a relación Starlord-Gamora, con dúas películas enriba. Só pensar no épica que foi a pelexa puntual da meiga con Viúva Negra e Okoye fai aumentar as nosas ganas de que reviva, (xunto con Gamora?) para unir os seus poderes ós da futura Capitana Marvel.

En definitiva temos en Infinity War o novo producto Marvel por excelencia. Por suposto, está lonxe desa categoría de perfeción e de que marcará unha época que se lle está a dar, mais alcanza un novo nivel de calidade na franquicia, arriscando un chisco máis na narrativa, desenvolvendo máis as personaxes e mantendo o pulso da acción e da épica ó nivel excelso de sempre. Marvel foi un chisco máis alá, e só fixo falta un chiscar de dedos.

Vingadores: A guerra do infinito
(Avengers: Infinity War)


Director
: Anthony Russo, Joe Russo
Música: Alan Silvestri
Guión: Christopher Markus, Stephen McFeely (Cómic: Jack Kirby, Jim Starlin)
Fotografía: Trent Opaloch
Ano: 2018
País: Estados Unidos

Marvel Studios