Select Page

por | Mai 15, 2018 | Cinema & TV, Novidades, Sociedade |

Comeza a rodaxe de ‘Elisa e Marcela’, de Isabel Coixet

O filme, que será rodado en branco e negro entre Cataluña e Galicia, percorre a vida do primeiro matrimonio entre mulleres rexistrado no Estado español

A nova película de Isabel Coixet, Elisa e Marcela, arrincou a súa rodaxe a semana pasada, nunha cinta orixinal de Netflix, que se estreará ao longo do 2019 de maneira simultánea nos 190 países onde opera a plataforma.

Tralo éxito cultivado con A libraría, a directora catalá comezou esta semana a gravación dun proxecto que levaba 10 anos preparando. Protagonizado pola gañadora de dous premios Goya Natalia de Molina e por Greta Fernández, o filme, que será rodado en branco e negro entre Cataluña e Galicia, conta a historia real de Marcela Graza Ibeas e Elisa Sánchez Loriga, dúas mestras galegas que casaron pola igrexa na Coruña a comezos do século pasado.

Nun vídeo promocional para Netflix, Coixet explica que “facer o que Elisa e Marcela fixeron nesa época, nun ambiente tan hostil para o amor de dúas mulleres, foi realmente heroico”. “Se a película é a metade de fascinante como eu ma imaxino, será unha gran película”, engade.

Coixet escribe o guión xunto a Narciso de Gabriel, catedrático de Teoría e Historia da Educación e actual decano da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, quen escribiu en 2008 o libro Elisa e MarcelaMáis aló dos homes.

O filme gravarase en Galicia entre o 21 de maio e o 6 de xuño, tras uns días de rodaxe en Cataluña, mentres se espera que a cinta estea lista en torno ao mes de novembro. A provincia de Ourense, e máis concretamente os municipios de Boborás e Celanova, albergarán algunhas das localizacións.

Na repartición, cunha ampla presenza galega, figuran tamén Tamar Novas (Fariña), Sara Casasnovas, María Pujalte, Francesc Orella, Manolo Solo e Lluís Homar, entre outros.