por | Mai 14, 2018 | Libros, Literatura | 0 Comentarios

‘Culpable’, poesía sen artificios

Eli Ríos (Londres, 1976)  pasou a súa infancia nunha terra á que lle din de caciques e de bo xantar pero que ben podería ter sido coñecida polo pulso que os seus artistas lle botan día a día a un xuízo que sempre é obrigado desmentir: que o ermo cultural que supostamente é Ordes non é tal. Este mantra está tan ben inoculado na mentalidade colectiva da comarca que a miúdo se esquecen as súas nada desprezables contribucións ao campo cultural galego, que van dende o puro Rock n’ Roll ata a poesía pasando pola súa colorista e celebrada arte urbana. Así que as culpables de ben tamén poden vir de Ordes.

A camaleónica personalidade literaria de Eli Ríos levouna á novela (a súa celebradísima Luns foi merecedora do premio Torrente Ballester en 2016), á sempre inxustamente infravalorada literatura infantil (da que cómpre destacar o seu volume de Mulleres bravas da nosa historia dedicado a María Victoria Moreno) e, por suposto, á lírica, na que foi e é moi prolífica: Nós escoitando o badalo de Marienplatz, Anamnese, Diario de Fotogramas ou Café Intenso son só algunhas mostras do seu xenio poético.

Culpable é a última das súas incursións nun xénero sempre complexo pero que semella gravado a lume no ADN literario galego. Dende os tempos do Rexurdimento, a nosa historia literaria está inzada de grandes figuras da lírica que conseguiron convertela nalgo moi noso. E non menos nosa é a poesía de vangarda que dende Manuel Antonio e Máis Alá non deixou de inspirar e ofrecer un amplo abano de posibilidades para a nosa lingua e para o noso sistema literario. Culpable é digna herdeira de toda esta tradición, é vangarda pura que esgaza o lirismo para poñelo en valor, sen facer concesións nin caer na autocomplacencia.

Cando me acheguei por primeira vez a Culpable fíxeno espida de todo prexuízo ou idea preconcibida deslizadas con maior ou menor sutileza no cento de críticas e recensións publicadas co gallo da súa saída do prelo en 2017. E cando finalicei a súa lectura, decateime de que tomara, dun xeito completamente inconsciente, a mellor decisión. Non se comprende que algunhas das maiores virtudes deste poemario, distinguido co IV premio de poesía Gonzalo López Abente, sexan vilmente spoileadas para único goce e deleite da autoridade de turno que si tivo o pracer de sorprenderse cun conxunto estrañamente formidable pero que a ti, incauta lectora, xa che descubriu o pastel. Non serei eu a que alimente o meu ego facendo o propio. Botádelle un ollo á obra e comprobaredes por vós mesmas por que digo isto.

Ríos vai alén do provocador ou do suxestivo, non en van, esfola e asasina o eu lírico para desautomatizar e destruír por completo o horizonte de expectativas dun lectorado que non atopa acubillo nos seus versos esboroados e o seu metro deconstruído, mais si se deixa levar polo ritmo desenfreado dunha poesía anárquica e impregnada desa culpabilidade poética tan singular. Culpable é toda unha experiencia sensorial, se é que ese termo pode ser aplicado a un artefacto impreso, que cativa a quen a recibe a veces cun aloumiño, a veces con hostilidade, pero sempre cun as na manga e a certeza de que non te deixará indiferente. Non por nada, Arróstrame Ítacas e paraísos decadentes, a declaración de intencións coa que abre a obra (poema que, por certo, é un dos finalistas dos premios aRitmar na categoría de poesía) reza así:

Aparta de diante e anícate dentro dese saco de plumas que te hiperprotexe das asasinas de canons líricos coma min, dos traidores á métrica coma min,  das linguaxes coartadoras que me administran sexos que nunca demandei.

Tanto nesta primeira parte do poemario como nas seguintes, Agasallos [poemas lírico-intimistas] e Alxubes para dragóns, sucédense as imaxes desconcertantes e ambiguas, as onomatopeas, a pura musicalidade, os remexidos culturais, o caos textual, o pop máis mundano, a reivindicación da liberdade poética… Todo cabe en Culpable e todo serve, ironicamente, para harmonizar o totum revolutum do conxunto.

O obxectivo da nosa rapsoda é desacralizar a arte poética, espila e desacomplexala para mostrar e demostrar que o poema non sempre ten que ser ridiculamente rimbombante ou esaxeradamente profundo e revelador. Pode ser unha bomba (termo xa empregado pola propia autora nalgunha entrevista), pode ser desacougante, pode adoptar múltiples formas. E isto, que parece tan evidente após miles e miles de anos tecendo versos de toda clase e condición, nunca está de máis lembralo. Porque si, aínda agora precisamos voces poéticas coma a de Eli Ríos que nos lembren todo isto. Sen artificios. Con sinceridade animal.

Culpable


Autor
: Eli Ríos
Ano: 2017
País: Galicia
ISBN: 978-8491212942

Xerais