O Festival Noroeste e o Armadiña Rock entre as novidades festivaleiras

A Coruña xa ten datas e primeiros confirmados para unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este ano o gran festival urbano promovido polo Concello celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas de todos os estilos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- que de novo se distribuirán por espazos e escenarios de toda a cidade. Os primeiros nomes do cartel fan unha aposta en feminino representada por catro xeracións de mulleres: Ana Curra, Christina Rosenvinge, Group A e Mordem. Ana Curra (Madrid, 1958) foi unha das artistas de referencia da Movida madrileña. Formou parte de Pegamoides, Parálisis Permanente e Los Seres Vacíos. No outro extremo de idade, Mordem é o nome escollido pola coruñesa Elba Fernández para bautizar o seu novo proxecto que agora presentará na súa cidade. Agárdanse moitas máis confirmación ata acadar esas cen previstas dentro do programa dun festival de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas.

Outros festivais foron confirmando datas e despexando así tamén a dúbida sobre a súa cancelación ou celebración. É o caso do recuperado festival FAX de Xinzo da Limia que terá lugar na localidade ourensá o vindeiro 28 de xullo. O Festival do Paradiso de Monforte tamén ven de confirmar a data de celebración o 1 de setembro. En ambos casos non ainda non hai nomes para o cartel, cousa que tamén ocorre no festival urbano WOS de Santiago, que ven de presentar as súas datas de celebración entre o 12 e 16 de agosto e sacar á venda abonos. Algúns nomes xa se coñecen do Armadiña Rock Estrella Galicia, que se celebrará na viola costeira de Combarro entre o 26 e 28 de agosto e que de momento ten no cartel tres propostas musicais galegas: Sés, The Lákazans e Noite Fechada. Quedan aínda moitas programacións por desvelar na oferta musical de festivais deste verán e algunha que outra incógnita sobre posibles cancelacións.