Select Page

Toundra – Vortex

27/04/2018 • InsideOutMusic

por | Mai 8, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

O post-rock foi un sopro de aire fresco moi necesario no rock na fin dos anos 80 e comezos dos 90. Un subxénero que, empregando as ferramentas propias do rock, buscaba fuxir de aqueles elementos que facían que o xénero non fose capaz de propoñer ideas novas, dende nas estruturas, nos timbres dos instrumentos, nas harmonías e mesmo nos ritmos. Toundra son sen lugar a dúbidas a banda de referencia de post-rock no Estado español. Unha banda capaz de lograr o recoñecemento tanto da crítica como do público así como un considerable éxito comercial co lanzamento do seu anterior disco, IV (2015).

Dar continuación a este traballo era en certa maneira unha tarefa complicada, e non foi ata tres anos despois nos que Toundra voltaron co seu quinto disco, titulado Vortex, rompendo así a tradición de nomear os discos de maneira numérica. Sen embargo esta ruptura na nomenclatura non se ve verdadeiramente reflexada en ningún tipo de ruptura no son da banda. Vortex é polo xeral un traballo continuísta, que non se diferencia dos seus predecesores moito máis alá de contar con algúns riffs de guitarra máis rockeiros do habitual, por momentos próximos ao metal.

Isto non quere dicir que nos atopemos ante un mal disco. Os fans da banda moi probablemente sentiranse máis que satisfeitos con estas oito novas cancións, tan elaboradas e ben interpretadas como cabería esperar dun traballo que conte co selo de Toundra. O disco arranca con moita potencia tras a súa introdución, a canción Cobra comeza facendo todo un despregue de enerxía e intensidade durante o primeiro minuto da canción para de ahí en diante continuar cunha estrutura progresiva que estoupa varias veces en clímax de un tono épico, unha tónica que continúa en Tuareg. Quizáis a canción máis interesante de todo o disco sexa Mojave, unha pista de once minutos na que Toundra xogan de maneira moi acertada coas dinámicas, comezando a canción de maneira pausada e incorporando novidades na instrumentación como o uso da batería eléctrica, para posteriormente ir aumentando a intensidade convertendo a canción nun crescendo constante e ben construído.

O problema ven en que non atopamos tantas sorpresas neste Vortex como en traballos anteriores da banda. En realidade é algo que está a pasar últimamente con moitos discos enmarcados no post-rock, xa que semella que este xénero que buscaba evitar caer nas reiteracións está comezando a seguir o mesmo camiño do rock, empregando constantemente os arpexios de guitarra con reverberación, as estruturas progresivas e os riffs intensos. Sen embargo este continuismo pode ser entendible tendo en conta que os propios Toundra desenvolveron o ano pasado xunto a El Niño de Elche un proxecto baixo o nome de Exquirla moito máis novidoso e chamativo que debeu saciar as ansias da banda de buscar explorar novas ideas a curto prazo.

Toundra