Select Page

O ciclo Cinemas de Galicia chega a seis concellos sen salas de proxección

Cinemas de Galicia, o circuíto de exhibición cinematográfica impulsado pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), iniciou o pasado venres en Bueu a primeira quenda de programación para 2018 coa proxección do filme galego Santoalla. Foi a primeira das 19 proxeccións que terán lugar entre os meses de maio e xuño nos concellos asociados este ano, ademais de Bueu, Allariz, Cariño, Cedeira, Celanova, Foz e O Grove súmase tamén Cangas como nova incorporación. Os veciños de Bueu tamén poderán ver o 1 de xuño Verán 1993, da gañadora do Goya Carla Simón.

Nestes dous primeiros meses da programación de 2018, serán 9 os títulos que chegarán ás pantallas do circuíto dos devanditos concellos: ademais das películas programadas en Bueu, tamén se poderán ver Vigo 1972, de Roi Cagiao, en Cangas (18 de maio); Moitos fillos, un mono e un castelo, de Gustavo Salmerón, en Cariño (5 de maio), O Grove (26 de maio) e Celanova (3 de xuño); A libraría, de Isabel Coixet, en Celanova (11 de maio), O Grove (12 de maio), Cariño (19 de maio) e Cedeira (3 de xuño); O fillo de Bigfoot, de Ben Stassen e Jeremy Degrusson, en O Grove (6 de maio), Cedeira (20 de maio) e Cariño (2 de xuño); O autor, de Manuel Martín Cuenca, en Cariño (9 de xuño), Celanova (10 de xuño) e O Grove (24 de xuño); Handia, de Aitor Arregi e Jon Garaño, en Celanova (19 de maio); e Lady Macbeth, de William Oldroyd, en Celanova (25 de maio) e O Grove (2 de xuño).

Ademais destes títulos, tamén forman parte do catálogo outros 11 filmes que serán susceptibles de entrar no proxecto a partir de setembro. Moitos deles foron galardoados ou nomeados por algúns dos festivais máis importantes do panorama audiovisual internacional. Do mesmo xeito, moitas das producións galegas presentes no circuíto obtiveron recoñecementos importantes, como é o caso de Mimosas, de Oliver Laxe, ou Dhogs, de Andrés Goteira.

Esta iniciativa busca, por unha banda, ofertar novas vías de distribución ás películas galegas e, por outro, incrementar o número de pantallas cinematográficas no noso país. Estes propósitos compleméntanse coas finalidades de incentivar o consumo cinematográfico entre a cidadanía e de achegar a sétima arte a municipios que non teñen dispoñibles salas comerciais nestes momentos.