Select Page

por | Mai 7, 2018 | Entrevistas, Literatura | 0 Comentarios

Noemí Pes: “A esencia do que para min é a literatura infantil difuminouse un pouco”

Noemí Pes vén de publicar a súa ópera prima, o libro infantil “Valentina y los oficios olvidados“, o cal está a acadar un grande éxito de público. Falamos con esta autora que, malia estrearse como tal, leva tempo ligada ao mundo literario.

Que imos atopar en “Valentina y los oficios olvidados”?

É unha lectura para un tipo de lectores un pouco avezados, pero que están empezando a entrar no mundo da literatura. É a historia dunha nena que descobre toda unha serie de segredos sobre súa nai, que é unha modista de barrio que non ten demasiado interese, en principio, para ela. Pero resulta que esconde toda unha serie de segredos que a levan a unha cidade, que se chama Memorandia, onde habitan oficios de toda a vida, tradicionais, onde Valentina vivirá unha aventura moi especial acompañada duns útiles de costura.

De onde xorde a idea?

Curiosamente, non ten que ver cos oficios esquecidos. Un día vin un anuncio onde aparecía un corazón roto, unha imaxe moi visual. Partín daquel corazón roto para pensar a historia de como recompoñelo, de aí o tema de coser, a personaxe de Lola, súa filla… A orixe é ese anuncio totalmente banal e de seguro pouco lembrado (risos).

Memorandia, o país dos oficios esquecidos?

O tema da costura foi, como dixen, o primeiro paso na composición da historia. Viñéronme as lembranzas das visitas que faciamos coa miña nai á modista, a señora que lle facía os traxes a medida. Parecíame un mundo máxico, quedoume sempre unha nostalxia. Pensei: que foi de todos eses oficios? Dende aí, empecei a construír ese país imaxinario, Memorandia, de onde proceden Lola e toda a súa familia, e que Valentina, a protagonista da historia, descoñece por completo.

Para a creación das personaxes, baséaste en alguén que coñeces?

NP: Creo que case todas as personaxes teñen que ver con alguén que coñeces. No fondo tes que partir de alguén, xa sexa fisicamente algún amigo, familiar, ou un actor que nin coñeces, e psicoloxicamente vas tendo referentes en persoas que, máis ou menos, coñeces. Hai unha das personaxes, a avoa de Valentina, que unha meiga moi achuchable, a típica avoíña; as miñas avoas eran moi guerreiras, non son as típicas anciás, pero si a irmá do meu avó, que era unha muller co pelo branco, con certo candor que me gustaba transmitir na personaxe de Madame Melisa, que é a avoa de Valentina.

Imaxe da cuberta: Alejandra Nores

Como te decidiches a escribir? E a publicar?

Con Valentina é unha volta a unha das miñas grandes paixóns, que é o mundo da literatura infantil e xuvenil. Tivera experiencias neste ámbito anteriormente. De feito, hai uns seis anos fundei unha editorial un pouco especial, xa que era de LIX pero en formato electrónico, é dicir, contos e historias empezadas e editadas para formato dixital, en app. Todo ese bagaxe levoume ata a publicación de Valentina. No fondo, sempre estiven vencellada á literatura infantil e xuvenil, pero realmente a miña verdadeira vocación é a escrita, o que me gusta é contar historias, e se as podo inventar eu, mellor.

Polo tanto, abandonei toda aquela aventura, e despois de ter aos dous nenos planteeime que era o que quería facer. Recuperei esta historia, que tiña empezada dende había moito tempo, remateina, coñecín Tierra Editorial e dixen “adiante, tentémolo, e que Valentina chegue e traspase o meu caderno”.

Estás satisfeita co resultado?

A verdade é que co traballo que fixeron dende a editorial con Valentina estou superagradecida. Ao ser a primeira novela, dábame case medo pechar a historia; de feito, o final de Valentina é aberto. En canto a aceptación e o que acadamos, eu creo que está dando bo resultado, á xente que o le gústalle.

O final aberto significa que haberá segunda parte?

De feito, a historia está pensada para ser contada en tres partes. Valentina y los oficios olvidados sería a historia dos pais de Valentina, a segunda sería a historia dos avós, e a derradeira xa é a historia propia de Valentina. Polo tanto, esas xeracións vanse entrelazando. O fío condutor son as vivencias de Valentina, pero si que van entrando son esas referencias de onde vén.

Cales son os teus referentes literarios?

A nivel de LIX, creo que o meu gran referente é Michael Ende. Non foi o primeiro, pode que fose Enid Blyton, pero quen tocou unha tecla, algo no meu cerebro, foi Ende. Fascíname Roald Dahl, tamén é un dos meus autores favoritos. E, máis dos últimos anos, gústame moito Cornelia Funke, e a saga de Harry Potter, que foi un descubrimento; lina este ano, porque non me pillou xeracionalmente, e é unha obra mestra.

A nivel de literatura na que fun crecendo, dende autores rusos, Jane Austen, Dickens, Paul Auster, Murakami tenme fascinada… moitos. Teño que dicir que últimamente estou nun pouco de sequía lectora, cos nenos… Vexo os libros no estante, e dígolles “volverei!” (risos). Espero volver a ler, son unha lectora voraz, encántame ler e perderme nos libros.

O nome do teu blogue, Tortura Casiopea, imaxino que é unha homenaxe a Michael Ende.

Si, foi o nome da editorial que fundei. Collín a personaxe porque, primeiro as tartarugas son unha especie de fetiche, encántanme coma animal. Nos meus contos sempre aparecen, en Valentina sae unha que, de feito, non é unha tartaruga, é unha boina que fala soa. Pero o animal sempre me pareceu moi especial. Casiopea en concreto, de Momo, é a personaxe que a guía, e tiña ese punto en referencia ao mundo dixital, xa que se lle iluminaba a cuncha. Gustoume, os libros dixitais dalgún xeito tamén se iluminan, por iso escollín á tartaruga Casiopea. Posteriormente adopteina coma un nick, para redes sociais, creo que fala moito de min, de como entendo a literatura.

Como vés a situación da literatura infantil e xuvenil na actualidade?

Creo que estamos nun momento de eclosión, no sentido de que moita xente a consideraba unha literatura menor, e estase a achegar a ela, igual gracias ao álbum ilustrado, que abriu un campo de encontro. Hai moita produción, pero á vez, estanse difuminando o sentido e a vontade da LIX, o crear novos lectores, dar este achegamento paulatino aos nenos, de contar historias… Nese sentido creo que se perdeu un pouco. Teño a sensación diso, ábrese o campo, houbo un boom moi grande en canto a público, o que leva a unha maior produción editorial, pero creo que á vez, a esencia do que para min é a literatura infantil difuminouse un pouco.

Pódesnos falar de futuros proxectos? Comentaches a idea desa segunda parte de Valentina.

Si, dende a editorial xa ma están a pedir. E teño moitas cousas na recámara, outra novela que me apetece moito escribir sobre dous irmáns e o mundo dos soños, e apetéceme entrar no mundo da literatura xuvenil, xa que eu tiro máis a infantil, e estou a valorar unha posible historia dunha adolescente. É un proxecto ao que lle dou voltas. E tamén me apetece moito algo que hai moito que teño na cabeza, a posibilidade de escribir contos por carta. Facer un proxecto co cal os nenos poidan recibir na casa unha carta cun conto dentro. Téñoo pendente, algunhas están escritas… Todo, porque a miña filla sempre que entramos anuncia “hai unha carta, hai unha carta!”. E dixen, teño que escribirlle contos por carta para que os reciba no buzón, e que non só cheguen do banco, da luz…

Que lle dirías a un rapaz que di que non lle gusta ler?

Que non mo creo (risos). É difícil, a pregunta. Entendo que actualmente reciben tantos estímulos que a lectura fai que teñan que esforzarse dunha maneira á cal non están afeitos. Diríalle que non lese, psicoloxía inversa. Que non lese, que lle vou ler eu, e que me escoite, e que dende aí decida. As historias recibímolas de moitos lados, seguramente a un neno que non le gústalle o cinema, ou os videoxogos… Todo iso son historias que alguén escribiu. Polo tanto, pode que se lle dan unha oportunidade á lectura, descubran outras formas de que lles conten historias.