Underclock, un artista consciente do seu presente

por | Mai 4, 2018 | Entrevistas, Música, Novas |

fotografía por Ada Seoane

Coma moitos outros, detrás de Underclock hai un rapaz que na súa infancia escoitaba heavy metal e rock, influenciado no seu caso persoal polo seu irmán. Crecía entre sacar a ESO, o Conservatorio e os videoxogos. A medida que pasaban os anos, vía como os seus estudos no Conservatorio cada vez lle aportaban menos, e onde, baixo a súa opinión, non aprendería a ser un músico como tal, senón un intérprete das obras de outro.

En terceiro da ESO coñeceu a Tusio, anónimo para todas pero que sería chave na aparición dun novo artista no país. Estreitaron fíos a través da música, escoitando grupos como Gorillaz ou Daft Punk. Coincidiu ademais que, o irmán de Tusio, era J.CNNR, produtor musical. Aburrido dos videoxogos, decidiu probar co FL Studio. Subiu cancións a Soundcloud, pero nada lle convencera.

En maio de 2016, e xa baixo o nome de Underclock, debutaba baixo Lingua Nativa co seu primeiro EP baixo este nome artístico, 610-670 THz, con sete cancións onde o deep house e o bass atopaban un pequeno recuncho no que asentarse en Hío, en Cangas.

Tanto ti como Mounqup coincidides en varias cousas: Ambas vindes do rural, e ambas trouxéstedes convosco música do máis vangardística. Ata que punto cres que a túa residencia puido definir o que fas?

Non sei, quizás pode ser que por estar no rural me abra moito máis ao que hai aí fora, mentres que a xente máis cosmopolita non se abre ao que hai fora da súa cidade. Podería ser, pero non sei se hai algunha razón.

Tampouco vivín sempre na aldea, pero si que é certo que xusto coincidiu co feito de mudarme cando máis me puxen en serio coa música. Non sabería dicilo, pero si que me gusta moitísimo o rural para vivir porque a cidade estrésame moito. Teño estado en cidades como Barcelona e Madrid, pero non o soporto. Non é que sexa anti-social para nada, pero o ritmo de vida da cidade non me gusta.

Si que é certo que nas cidades é onde máis se capta o capitalismo de primeira man, porque no rural queda máis apartado.

Como dirías que é o teu proceso de creación?

No momento no que teño que cumprir as miñas obrigas coa Universidade, normalmente acostumo a dedicarlle os venres, moitas veces todo o día enteiro, e logo o fin de semana. Córtome bastante na miña vida persoal porque moito tempo o estou investindo niso.

Nos momentos nos que vou en bus, ou estudando, a cabeza váiseme a ideas novas. No momento no que se convirte en paixón, chega un punto no que hai certa obsesión, polo que estás todo o tempo pensando niso, e ás veces é un pouco enfermizo. Pero tamén, por outra parte, gústache que haxa un punto de obsesión porque se non o houbese non estarías tan enriba.

O teu último sinxelo é Lex:Exlex. Que nos podes contar del?

Neste tema hai moitísimo discurso detrás. Estívenlle dando moitas voltas para facer un disco, pero polo tempo que teño agora mesmo non o vexo claro. Tamén, sacar un disco de golpe faite perder percorrido de promoción, así que quero ir pouco a pouco.

Pensei que, despois de sacar música despois duns meses ou un ano podería sacar un recopilatorio de todo o que saquei. Non sería iso exactamente porque a maioría que temas que quero sacar xa os teño, só me falta rematalos, e terían a mesma liña, pero non me convence.

Lex:Exlex é parte da visión global do álbum que quería sacar. Así se ía chamar o álbum. O nome ven dunha anécdota entre Anacarsis, filósofo grego, e Solón, outro, co que andaba a debater. Anacarsis di que a lei é como unha telaraña, que só a quebrantan ou rompen os animais grandes. A idea é que a lexislación non actúa para os poderosos, porque son capaces de romper a rede. A clase obreira somos insectos diminutos que nos quedamos aí atascados.

Non ten samples, e todas as melodías son miñas. As percusións, no oitenta por cento, salvo bombos e caixas, tamén son miñas. Graveino todo cunha gravadora, nunha madeira, cunhas chaves, cun bote de cristal… Incluso o ambiente dos corvos tamén o gravei dende a miña casa. Estiven uns cantos días a ver se chovia, ou pasaba un zorro por aquí, e tiven sorte de que unha bandada de corvos se puxo tolísima un día.

O deseño o fixen en conxunto coa miña moza, @mnemosine___. Queríamos centrarnos no da araña, e o do ollo, que me pareceu bastante humano. E logo, gardar o sentido estético.

Underclock

Entre o último que fixeches, Lex:Exlex e o teu traballo 610-670THz cambias moito, afastándote do Deep House e acercándote ao IDM. Con dous anos de diferenza entre os dous, consideras que a túa música alcanzou máis madurez neste período?

Noto moitísima diferenza. Penso que quizás ese primeiro EP quedou demasiado pegado á etapa anterior a poñerme serio coa música e foi algo no que aínda non tiña o meu estilo ben definido, e no que aínda non tiña toda a destreza que teño agora. Naquelas aínda nin sequera sabía masterizar os temas, e agora si.

É certo que tamén estiven eses dous anos un pouco inactivo, pero na miña casa seguía facendo música. Creo que necesitaba eses dous anos tan parados, porque tanto aprendín de mastering como evolucionei as miñas ideas de cara onde quería levar este proxecto. Non foi todo sobre a habilidade e o proceso creativo, senón que no tempo convertinme máis escuro, sanguento. A miña música volveuse máis vermella, e abandonei o azul.

Ademais diso, dediqueime a producir a algunha xente, que era algo que quería facer e aínda non fixera. Aprendín a facer rap, trap… Cousas que aínda non tocara. Agora teño máis ou menos claro cal é o meu estilo e unha vez comezo un tema son capaz de coller e dicir “vou tirar cara aquí”, pero cando foi a época dese EP… Penso que ás veces tiraba moito de como me levase a música, ou o tema, e non me acababa de gustar o resultado. Creo que neste momento síntome moito máis consciente cando fago música, e así gústame máis.

Que podemos esperar do futuro de Underclock?

Cousas preparadas teño un montón, tanto da miña música como de xente coa que estou colaborando, dende colaboracións de hip hop e trap ata proxectos propios que están na nube, pero aínda non tivemos tempo para sacalo adiante. Pero vamos, que hai moitas, moitas cousas por sacar e gustaríame que comezasen a saír, pero ás veces na música hai que ser moi paciente.

Da miña música penso que me gustaría sacar algún dos temas que teño rematados, pero gustaríame pulilos máis. Non teño claro canto me levará pulilos, pero gustaríame sacalos dentro dun par de meses. Canto antes, porque son moi impaciente e quero ir a saco.

Logo, en paralelo teño un proxecto cun compañeiro de universidade que queríamos tirar cara un estilo Death Grips e Ho99o9 mesturado con visuais, tocando un pouco a fondo a electrónica, pero está un pouco parado polas nosas obrigas e porque el aínda está atopándose co seu estilo propio como artista —antes tiña un grupo— e eu xa teño o meu propio nome como solista, por dicilo dalgún modo, vai ir con calma.

Alén disto, aínda que non queira levar por aí a miña carreira, teño ganas de lanzar algún tema de… Non diría rap, nin trap, pero algún tema de hip hop cunha base producida por min e eu facendo a letra e rapeando en galego. Teño ganas.

Falando de rap e galego e de ti como produtor, saes acreditado como produtor de Non é Verán de Estrella Damn, dos Ezetaerre. Como xurdiu colaborar no que posiblemente sexa o tema máis coñecido deles?

É curioso que sexa un dos máis coñecidos deles, aínda que a verdade é que eu quedei un pouco oculto nel, aínda que tampouco me importa. Simplemente, coñecinos ese ano e  foi mediante Petrowski, o produtor de Ezetaerre, co cal tiña contacto mediante redes sociais. Un día faleille por se quería que lles fixera unha base, ou algún tipo de colaboración, e Petrowski tiña ganas de facer algo apuntando a La Raíz e animeime.

Tiña outras ideas, e apetecíame facer algo máis experimental, do estilo Kendrick Lamar ou Vince Staples, pero dinme conta de que quizás non era o seu roio ou ao que apuntan para nada. É máis un desexo que eu teño de atopar un artista co que me entenda súper ben para facelo, pero penso que Ezetaerre xa ten o seu estilo marcado, entón quedou aí e estivo ben a experiencia. De todos modos, gústame recopilar experiencias e aprender do que vou facendo.

Sénteste cómodo na figura de produtor?

A min non me importa. E gústame aprender de todo. Non lle fago ascos a ningún xénero, para nada. Pero teño moi pouco tempo, e gústame centrarme no que me interesa de verdade. Ás veces hai cousas que teño que rexeitar, ou ás que nin sequera lles dou voltas. É mellor estar traballando nas cousas que teño xa que esgotar forzas nalgo no que non me gusta.

O tema dos produtores, sobre todo Estado Español, é difícil de entender porque aínda non lle entrou na cabeza á xente que é un traballo, onde tes que deixar as túas horas, e necesitas un beneficio económico por iso. Ás veces queda só nun beneficio artístico, pero non se vive do aire.

 

Ata que punto cres que é posible dotar de consciencia política un estilo musical totalmente instrumental como o IDM?

En verdade, ao fin e ao cabo o que che move para ser creativo na música son os sentimentos. Niso, por suposto, para min entra a política. E, como todo é política, iso ao final vaiche influenciar, seguro. Moitas veces por detrás dos temas levo un discurso, non me estou forzando por darlle un sentido. Móvente certas ideas e ao final acabas xerando un discurso detrás da túa música. Entendo que non sempre é así, e que hai artistas que non se plantexan que haxa un discurso tanto creativo como político detrás da súa música, pero a min gústame que iso forme parte do meu proceso creativo. Gustaríame moito sacar videoclips, teño uns cantos pendentes, e nese sentido intentarei darlle imaxe a ese discurso que teño por detrás da música.

E logo, como tamén tes que estar nas redes sociais, e ser artista non é só iso, senón tamén é ser un proxecto, non teño medo a posicionarme nelas políticamente. De feito, se lle tivese medo a iso sería algo verdadeiramente preocupante.

Ves necesario que hoxe en día que o audiovisual teña maior importancia na música?

Non debería ser importante, pero necesario éo sen dúbida. YouTube ten uns fluxos de visualización brutais, e trátase dunha plataforma que esixe ser completamente visual. O mesmo pasa con Instagram, que funciona moi ben polo mesmo. Hoxe en día a xente demanda iso. Por suposto que é necesario.

Logo, máis alá, como xa digo, gustaríame moito meterlle man aos videoclips dentro dos medios que eu teño e contando coa xente con quen poida colaborar porque non só me gusta moito a música, senón que me gusta tamén moitísimo o audiovisual.

Cres que hai facilidades dentro da industria musical estatal para facerse un oco nela?

Penso que hai industrias musicais como a americana na que é moito máis fácil e xa hai moito percorrido traballado por artistas antes, pero no Estado Español é moi, moi difícil promocionarse e difundir a túa música. Non é que lle teña asco a España, pero ao público estatal fáltalle cultura. Fáltalle ganas de coñecer máis música. Penso que hai moito público encasillado. Incluso se ve no trap, onde todo o que está saíndo en artistas como C. Tangana, Recycled J ou Dellafuente axúdate a decatarte de que hai moitísima xente que, unha vez lle entraron eses artistas, quédase estancado neses e non é capaz de coñecer cousas novas.

Creo que o público español móvese moito por fenómenos sociais, obviamente, porque diso se trata, pero creo que falta un público con ganas de formarse. Falta curiosidade. Teño falado con artistas que saíron do Estado e din que podes estar no Reino Unido e a xente é moitísimo máis aberta, e podes atoparte vocais en todos os estilos de música posibles, e aínda que aquí tamén, penso que falta moitísimo recorrido.

Tamén isto é culpa dos artistas españois, pois eles tamén teñen o deber de educar o público niso, pero se o teu produto é algo xa visto ou mil veces reproducido penso que non estás a educalo.

Logo, creo que falta un pouco de industria. Vexo xente con ganas de traballar, e hai de vez en cando proxectos moi interesantes, como esta revista, Balea Cultural. Penso que pouco a pouco irase todo estabilizando e irase avanzando. Non estamos na España de fai cinco anos. Hai moitísimo máis movemento na música do estado. Dicía Yung Beef nunha entrevista para o El Bloque que España en Europa significa moitísimo, e estou de acordo. O panorama español está moi efervescente, por así dicilo.

 

E a nivel País? Como ves a situación en Galicia?

Tamén bastante avanzada. Pero o que pasa en Galicia é diferente. Quizás a nivel estatal parece que todos os artistas saen de Madrid ou Barcelona, facendo que en Galicia xente como DLBlando, Norweside, Dous Pasos, BFlecha ou Banana Bahía, que son alto standing, queden un pouco ocultos. Hai excepcións, pero é a norma xeral.

Non sei por que, e concretando, xente como Banana Bahía, que son artífices de que C. Tangana estea onde esta, que os escoitaba cando estaba en cuarto da ESO e eran do máis adiantado de España… É difícil crerse que esa xente non sexa coñecida a nivel estatal, con todo o que os valoramos en Galicia. Deberían ter moita máis repercusión.

Participaches como DJ no Magosto de ANEGA, entre outras. Naquela data, o público quedou especialmente contento contigo. Sénteste cómodo facendo de DJ?

Para min non é o mesmo ser produtor, que ser artista, que ser DJ. Sobre todo co de produtor, porque aínda que hai xente que identifica o que é ser produtor non o identifica con ser artista, e o ve como ir a un supermercado e comprarte unha base.

Se ben creo que podo aprender das tres facetas, concretando na de DJ, non é algo que tome moi en serio, se ben hai moito purista roio “que se pinchas con platos, non pinchas con platos, pinchas con tractor, pinchas con sync”… Eu o vexo como facer unha selección da música que cres que lle pode gustar moito a xente, tentando que a xente descubra cousas novas pero que lle gusta e, non sei, gústame bastante e o paso ben, pero non son nin un purista nin o mellor DJ. Véxoo como o feito de poñer música e que a xente o pase ben.

Con todo, non é habitual ver o teu espectáculo proio en directo. A que se debe?

Creo que as veces que toquei en directo foron dúas, unha con Dous Pasos e Pólvora e outra con Pantis, e penso que non o fixen tan mal porque o público respondeu ben. Gústanme moito os directos, e cando me ofrecen a oportunidade tento estar aí, e sei como enfocalo.

Gústame ser produtor, pero ser capaz de facer un directo ben pensado. Ata o de agora non me preocupei polo de facer directos porque me gustaría ter tempo para preparalo. Tomarmo con calma. Gustaríame que, cando teña a oportunidade, poder preparalo ben. Ideas non me faltan, e sei por onde tirar, pero necesito tempo.

Alén disto, como xa dicía antes, o EP que fixen non me representa moito, así que estou esperando a lanzar máis música para realizar algún evento nalgunha sala.