Select Page

O mellor cine galego, portugués e brasileiro chega a Vigo o 8 de maio co Festival Primavera do Cine

A edición máis ambiciosa da Primavera do Cine traerá a Vigo 33 curtas, 11 longas e unha mostra de cine de animación e videoclips de Galicia, Portugal e Brasil

Os multicines Norte acollen desde este fin de semana e ata hoxe, xoves, o ciclo de cine brasileiro como preludio da sección oficial do festival Primavera do Cine, que terá lugar do 8 ao 13 de maio. Brasil é o país convidado, pero ademais conta cunha presencia destacada tanto no apartado de curtas como no de longas lusas.

No programa, como é habitual, haberá seccións para producións galegas entre as que se atopan Trinta Lumes, de Diana Toucedo, Dhogs, de Andrés Goteira, A historia dun satélite, das AlsoSisters ou A fábrica de nada, de Pedro Pinho canda a curtas como Matria de Álvaro Gago, La mujer invisible, de Noemí Chantada ou Aysha, de Fon Cortizo.

A organización entregoulle na gala inaugural a Mención de Honra do Festival á produtora Chelo Loureiro, a recoñecer “o seu rol coma profesional de gran experiencia, a súa loita feminista desde a CIMA e terse convertido na gran dama da animación galega ó teren defendido desde sempre o seu recoñecemento coma un xeito máis de facer cine, equiparando o seu valor ó resto de producións” ao tempo que valorou “o apoio que ofrece ós novos creadores galegos e o seu constante empeño por evitar a fuga de artistas a outros países”.

As sedes do festival son o auditorio do Concello de Vigo, o Instituto Camôes e o Marco. O Instituto Camôes colabora un ano máis no festival, “unha axuda moi importante para difundir o evento por toda a comunidade lusófona e atraer o cine do país veciño, que achega unha gran riqueza cultural”, afirmou o director.

DeCastro destacou tamén o seu interés por levar o cine a outros barrios de Vigo nos que non soen celebrarse este tipo de eventos. Así, nesta sétima edición proxectarase a cinta Vigo, 1972 nos barrios de Coia e de Teis o fin de semana do 5 e 6 de maio.

A oferta complétase co ciclo de Cine Miúdo en Afundación, que achegará o cine aos escolares do 9 a 11 de maio, e a máster class que impartirá o cineasta vigués Álvaro Gago, o 12 de maio.

A programación do certame tamén inclúe o concerto do grupo de música Cró! na Sala Radar.