‘De Gres a Cádiz’, libro inédito de Xosé Neira Vilas, chega ás librarías

Galaxia publica un libro inédito que recrea un periodo fundamental da vida de Xosé Neira Vilas, falecido en 2015

O autor do maior best seller da literatura galega continúa sendo fonte de novidades editoriais despois do seu falecemento. A semana pasada presentouse De Gres a Cádiz e en 2019 a Editorial Galaxia promete outro inédito.

Dolores Vilavedra -profesora da USC- e Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, presentaron este lanzamento, dentro da Biblioteca de Autor que Galaxia dedicou, xa en vida, a reunir a obra do escritor inmortal de Memorias dun neno labrego.

De Gres a Cádiz é un libro que Neira Vilas comezou a escribir en 1996 e que está composto por un “ramallete de recordos, de prosas condensadas”, tal como afirma o propio autor no prólogo que deixou preparado para esta edición.

Xosé Neira Vilas recoñece tamén abordar neste novo libro unha parte da súa vida con nostalxia e coa idea de “revelar, á miña maneira, a Galicia aldeá de varias décadas atrás”. E, como é característico de toda a súa produción, literaria ou memorialística, bota man da narración en primeira persoa para dar conta do mundo que viu desde os seus ollos atentos.

Deste xeito, en De Gres a Cádiz enmárcanse as vivencias do autor no período comprendido entre a súa estancia no Gres que o viu nacer, e a chegada a Cádiz, cidade onde se embarcou aos 20 anos cara a América disposto a vivir “unha nova etapa vital”.