Dakidarría – Filosofía Incendiaria

11/04/2018 • Maldito Records

por | Mai 2, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Xa van anos dende que Dakidarría debutou co seu primeiro álbum, Fragasaurus Rex (2005). Dende o título, dotado dunha retranca obvia, xa se nos avanza que existirá unha liña política marcada, onde anticapitalismo e democracia verán a oportunidade de reunirse ao redor da música. Os estilos musicais que servirán de ponte para isto serán, sobre todo, o ska e o punk, sendo os detalles do primeiro estilo máis obvios.

Con todo, e se ben Dakidarría gañaron rapidamente o favor e cariño do que agora xa é o seu público, converténdose nun proxecto sólido, non se pode evitar botar de menos algo máis. Un dos fallos máis destacables deste grupo -e moitos outros-, deriva da incapacidade do estilo musical no que se lles encasilla de continuar unha evolución favorable e vangardística, perdendo folgos contra a súa versión máis progresiva, o post-punk, e as súas influencias máis efectivistas e rápidas, coma o garaxe tal e coma o coñecemos na actualidade. Así, se ben as bases do estilo continúan a estar claras, non podemos falar dun xénero musical que se manteña na actualidade de maneira equilibrada, senón dun estilo cada vez máis clásico e cunha capacidade curta de transformación e evolución cara sons máis actuais.

A falta de evolución non é coincidencia, senón que deriva tamén do que, no seu día, significou o punk tanto a nivel formal como ideolóxico. Con el rompéronse barreiras de todo tipo, e ata o día de hoxe de poucas cousas podemos falar como do punk á hora de definir a cultura contra hexemónica. Así, é moi habitual que moita da música que escoitamos cunha clara mensaxe anticapitalista e, polo tanto, de inclinación democrática, sexa similar e revividora do que se facía nos oitenta, coas respectivas cuestións positivas e negativas que leva consigo algo así.

Filosofía Incendiaria é xa o quinto traballo con contido totalmente orixinal do grupo de Val Miñor. Nos últimos anos, destaca o seu cambio ao galego, consolidado coa re-gravación do seu cuarto disco en galego, chamándoo Utopías Emerxentes. Dende aquí, ademais, a banda destaca pola súa consagración como un dos grupos máis queridos de Galicia, pois coas súas letras e os seus ritmos prometían ánimo en calquera dos concertos nos que os seus fans fosen a velos. Alén disto, trátase dun paso destacado e necesario, no que os do Val Miñor foron tomando consciencia nacional.

A diferencia dos anteriores traballos, neste Filosofía Incendiaria os Dakidarría atrévense cun novo tipo de traballo, o EP, o cal, se ben non se trata dun lanzamento no que haxa tanto contido novo como nos longos, si que require uns pre-requisitos moito máis específicos debido á duración máis curta deste en comparación aos outros traballos. Os EP destacan por ser rápidos, concisos e capaces de entreter un período de tempo máis curto cos longos, polo cal os Dakidarría vense positivamente influenciados.

Dende Lume a En Compostela, todos os temas manteñen unha liña clara, onde os ritmos ska sobresaen. As cancións compren cas bases do estilo musical, e todos eles conteñen baterías e guitarras moi vivas que animan a un baile extremo, que se acentúa a medida que avanza o tema. Destacan entre as demais as xa mencionadas Lume, que conta coa colaboración de La Raíz e deixan un retrouso directo no que se sinte rabia e paixón, así como un toque reggae no que o baixo, sen lanzarse á piscina, consegue introducirte de todo na canción; e En Compostela, onde o ritmo máis acentuado do que falabamos antes funciona mellor ca nunca.

Nas letras, os do Val Miñor deciden lanzarse cara unha actualidade necesaria, consciente e real. Entre elas, é necesario destacar o gran traballo que Dakidarría realiza en Escarnio e Maldizer, dedicado ao Centro Social Okupado Autoxestionado de dito nome desaloxado o pasado 30 de maio de 2017, e que mantivo en vilo a moitos dos colectivos sociais que operan en Galicia. Nel, recollen moitas das reivindicacións que derivan do feche do Centro Social, e consolidan todas elas no retrouso, onde a grito de “As rúas serán sempre nosas” invitan á mobilización social.

Esperando unha saída escura, sen novidades, aclamación ou interese, a agrupación de Val Miñor, Dakidarría, conseguen resaltar moitos dos puntos positivos que o ska, o reggae e o punk trouxeron consigo, lanzando un EP máis que desfrutable e cunha consciencia política máis que necesaria. Así, se ben non traen consigo nada novo, é máis que reseñable que seguen a existir grupos que poden aportar cousas novas a un estilo cada vez máis gastado, destacando que aínda se pode tirar del. Filosofía Incendiaria é un traballo conciso e consciente, e un dos mellores traballos de Dakidarría.

Dakidarría