SonDaRúa – Liberando Mentes

13/03/2018 • Galunk

por | Mai 1, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Dende o comezo do EP, chama a atención que SonDaRúa tentan diferenciarse do son máis mainstream que está a moverse na industria musical na actualidade, incluso dentro do hip hop. O primeiro que escoitamos, de feito, son acordes dunha guitarra acústica. Pronto, nesa Os dous de sempre que comeza o EP uniranse outros elementos aos que estamos máis acostumados: chegados ao retrouso, aparecerán en escena unha voz reggae e un scratch ao máis puro estilo oitenteiro.

Nun análise puramente formal, os SonDaRúa, no seu intento de separarse do mainstream, caen noutra repetición dos fallos que se levan producindo na música galega e estatal claramente contra-hexemónica na súa mensaxe e que se levan reproducindo xa anos. Toques de reggae e ska sobre un hip hop que se fai chamar a el mesmo hardcore, mais que non ofrece ningún detalle do que na actualidade este estilo significa. Así, onde noutros lugares este estilo musical é capaz de converterse en auténtica vangarda, aquí só remata a ser un estilo musical chamado ao sectarismo, e incapaz de chegar a máis alá dun público xa acostumado ao son reproducido ata a saciedade por grupos como este.

Non se trata simplemente dunha falta de innovación nos instrumentos utilizados, que tamén, senón no uso que se lle da ás producións, que non chegan a ser nunca unha parte da canción tan valorada como as letras destas, coxeando sempre do mesmo. Así, unha canción chea de mensaxe, sexa en SonDaRúa, ou en grupos que pecaron do mesmo como Rebeliom do Inframundo, os Chikos del Maíz ou Ezetaerre, non remata de se converter nalgo verdadeiramente orixinal, interesante, innovador e vangardístico, senón que se queda nun elemento contra-hexemónico débil, feble e incapaz.

Con todo, e como ben eles mesmos mencionan no tema Cicloxénese destácase a Nervo, de Rebeliom do Inframundo, como referente. E necio sería de nós dicir que non teñen razón. A influencia destes no traballo dos SonDaRúa é palpable —entendible, pois ambos grupos son de Ponteareas—, mais non chegan ao nivel dos xa veteranos. Se ben as producións poden rememorar ao traballo dos Rebeliom, o caso dos de Lume e Rebeliom (2016) presenta unha produción máis coidada e evolucionada, e con maior conexión á vangarda musical.

Entre 2011 e 2012, o rapeiro estadounidense Killer Mike reuníase co produtor El-P e ambos comezaban, no cuarto álbum do rapeiro, a darlle forma ao que despois se coñecería como Run The Jewels. Aquí, Killer Mike e El-P farían un dos dúos máis importantes da historia do rap. Nos seus temas falarían de loitar contra o capital, de feminismo, de loita racial e de clase. E con esa mensaxe foron capaces de chegar a lugares descoñecidos anteriormente para un rap tan agresivo coma o seu, pois contaban cunha produción que aínda a día de hoxe moitas tentan asimilar e reproducir. Non se trataba de temas alleos a instrumentalización máis clásica, pois incluso o seu tema 2100 conta cunha instrumentalización moi protagonizada por unha guitarra acústica que veremos varias veces no álbum dos galegos que hoxe estamos a analizar, mais no caso de Run The Jewels conseguían introducir o hardcore rap nunha vangarda musical moi allea ao seu estilo musical, e dominada incluso no hip hop polo trap.

Que permitiu, entón, que Run The Jewels chegasen a onde están, e que ningunha lista estadounidense ou estatal se atreva a deixalos fóra das súas listas do ano cando sacan un novo traballo? O mesmo que lles permitiu a grupos como os nosos Malandrómeda introducirse —e, de feito, ser destacados coma os mellores— nas listas do ano estatais do ano pasado: saber ler a realidade máis alá da mensaxe, e introducir nos seus temas cuestións relacionadas co estritamente musical.

SonDaRúa aproveitan varias ocasións nas súas obras deste álbum para criticar e desdeñar o trap. Acusan ao estilo musical de soar sempre igual, de non traer absolutamente nada novo e de que o que de verdade serve neste estilo musical é ter unha cara bonita. Con todo, deciden recomendar o dancehall como un estilo que paga a pena. E é curioso, porque a día de hoxe sería imposible entender dito estilo sen a influencia que o trap tivo no hip hop e no rythm and blues, dos cales o dancehall actual bebe a diario. Así, é imposible non ver reminiscencias en artistas dancehall actuais como Popcaan, Bad Gyal ou Major Lazer. E se, de novo, estase a reivindicar o que se facía en dito estilo musical hai corenta anos, estamos ante un problema.

Non todo é malo, e as letras conseguen noutras ocasións mandar mensaxes claras. As referencias a Vicente Risco e a súa posición de tránsfuga, e o que iso supuxo para a política e cultura galega, veñen moi ben dirixidas, así como as súas loanzas á esquerda obreira e traballadora galega, ou como a súa clara posición a favor da necesidade de que a cultura, concretamente aquelas que a crean, vexan o seu traballo pago.

Na procura dun son orixinal e propio, lonxe das tendencias mainstream, os SonDaRúa esquécense de algo moi importante: polo camiño, deixan atrás a materialidade. A súa inconsistencia e falta de orixinalidade xogan a peor das pasadas. Se ben o seu discurso ten unha tendencia socialista e revolucionaria, e, entón, contra-hexemónica, os ritmos e sons que crean non enchen nin destacan, soando máis antigo do que lle gustaría a calquera que se prece. Aquelas que poñen como referentes poucas veces fallaron nisto, mostrando que os SonDaRúa aínda teñen moito que aclarar a nivel de produción.

SonDaRúa