O león dorme esta noite pero para morrer debes ter os ollos abertos

Tras oito anos sen dirixir ningún filme, o director xaponés Nubohiro Suwa volta con O león durme esta noite. Jean, (Jean-Pierre Léaud) un veterano actor aproveita un descanso na súa rodaxe e vai cara unha mansión abandonada onde noutrora conviviu coa única muller que amou. Cando está alí atópase cun grupo de nenos que pretenden rodar unha pequena película de terror nese espazo.

A obra constitúe unha homenaxe á Nouvelle Vague dos anos cincuenta que tanto influíu a Suwa. Dende a elección dos propio protagonista. Léaud, de neno,  foi protagonista de películas de Fraçois Truffaut ou Jean-Luc Godard. Agora con máis de setenta anos, parece que é momento de dar o relevo. Polo menos así o mostra na súa relación cos nenos da película onde lonxe da condescendencia que se podería agardar dun actor experimentado que ensina aos nenos, ponse a súa disposición e participa dun xeito activo. Os límites entre o personaxe e o autor son algo difusos, polo menos no metafórico. Jean desfruta da súa alegría por crear, do seu entusiasmo, da sangue nova. Do que ao mellor o propio Léaud sentía cando actuaba en Os 400 golpes.

A principal temática que trata a película é a morte. O protagonista fala na primeira escena que non sabe como interpretar o seu propio final antes da escapada que dará comezo á historia. É curioso como o anterior papel de Léaud foi A morte de Luis XIV, onde maquillado e artificial interpreta ao rei acabado, no que se pode interpretar como unha metáfora da morte do actor, do mundo cinematográfico ou incluso da propia sociedade onde vivimos.

Lonxe de concibir o fin dunha vida con terror, aquí amósase o contrario. Para que haxa vida, debe haber morte. A idea que se quere expresar é que non soamente é obrigatorio, senón positivo que durante a vida se conviva coa morte. Esta dialéctica móstrase na convivencia entre personaxes vivos e pantasmas pero dun xeito moi afastado do terror. Neste concepto da morte -un momento que se debe afrontar cos ollos abertos- é onde máis se nota a nacionalidade de Suwa, bastante lonxe do imaxinario occidental.

Por outra banda, paréceme moi destacable o uso que se fai dos espellos na obra. Durante os primeiros minutos, o personaxe interpretado por Léaud, di que non entende por que nos fiamos tanto dos espellos se o que mostran é unha imaxe do revés. A partir dese momento, o espello é utilizado en numerosos planos. A súa función sempre é mostrar algo máis aló, xa sexa literalmente ao modo que o fixo Velázquez en As meninas, ou dun xeito máis metafórico como no caso da unión entre mundos explicada con anterioridade.

O león dorme esta noite é unha obra que funciona a modo de homenaxe pero que fala con voz propia. Ou máis ben asubía en medio dun lago durante a noite. Está entre dous mundos, como o que quere mostrar. Posúe unha gran sensibilidade pero non busca o melodrama barato. Unha película moi salientable.

O león dorme esta noite
(Le lion est mort ce soir)


Director
: Nobuhiro Suwa
Música: Olivier Marguerit
Guión: Nobuhiro Suwa
Fotografía: Tom Harari
Ano: 2017
País: Francia / Xapón

Les Productions Balthazar / Film-In-Evolution / Bitters End