por | Abr 30, 2018 | Libros, Literatura | 0 Comentarios

‘Vidas imaxinarias’: biografías de ficción?

Sempre son de agradecer as adaptacións ao galego de obras estranxeiras, mesmo se non son novidades. Vidas imaxinarias é un bo exemplo. Nesta ocasión é Aira Editorial a que nos achega esta obra do francés Marcel Schwob nunha coidada edición ilustrada por todo o alto.

Sinopse (Aira)

Un clásico da literatura francesa. Un libro que creou todo un xénero: o da biografía literaria, máis rica, máis ambiciosa, máis divertida, máis evocadora. Ao longo dos séculos, Marcel Schwob vai procurando a esencia das paixóns da humanidade mediante unha poderosa imaxinación e un xeito de escribir baseado na beleza, na claridade e na destreza no uso dos recursos narrativos. Personaxes reais e inventados que conseguen grazas a esta obra un lugar perenne na eternidade.

 

VIDAS IMAXINARIAS

Petronio, novelista (Isabel Seidell)

O libro

Vidas imaxinarias pódese definir coma un libro de relatos, pero é algo máis ca iso: co gallo de presentar unha serie de biografías, converte a unha serie de personaxes, en principio reais, en criaturas literarias. Pouco importa á hora de ler se o que aquí se conta é certo ao cen por cen, mesmo se as personaxes existiron ou non. Ao lector non lle queda outra máis que deixarse levar por esta colección de fábulas variopintas.

No seu momento, esta obra chegou incluso a inspirar a Jorge Luis Borges para crear a súa Historia universal de la infamia. Pódese considerar que Marcel Schwob foi pioneiro á hora de transformar as vidas de persoas reais (ou non) en relatos inventados (ou non).

Cabe destacar a brevidade destas pequenas biografías, que nos axuda a manter un ritmo de lectura áxil. As vintedúas personaxes presentadas son moi variadas, atoparemos dende artistas ata piratas, pasando por nomes como Pocahontas, Crates ou Burke e Hare. Pero todas posúen ese algo especial na súa historia, que nos mantén pegados ás súas páxinas.

VIDAS IMAXINARIAS

Crates, cínico (Simón Blanco)

Cada unha destas biografías ven acompañada dunha ilustración, e hai que sinalar que o plantel de artistas cos que conta esta edición é envexable. Porén, hei de sinalar que non me convenceu de todo a absoluta independencia entre un e outro. Explícome: é comprensible e desexable que cada ilustrador ten o seu estilo e o seu xeito de comunicar. Pero botei en falta algún nexo de unión entre as súas creacións, algo que fose máis alá do propio texto, talvez algún elemento común entre eles.

Pode que esta aparente falta de coherencia das imaxes non faga senón reflectir a diversidade de personaxes que presenta o libro, pero non me acaba de convencer; os relatos teñen unha clara relación, tanto en estilo como en intención, pero isto non sucede coa parte visual do libro. Detalle que, doutra banda, non desmerece o resultado final, na miña opinión moi recomendable.

VIDAS IMAXINARIAS

Eróstrato, incendiario (Chus Rojo)

VIDAS IMAXINARIAS

Gabriel Spenser, actor (Dani Padrón)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Conclusión

Invito a calquera a achegarse a esta obra, pode que non tan coñecida, pero na que paga a pena deterse. É unha proposta pouco común, curiosa e cunha narrativa amena. Por todo iso a recomendo, e tamén, polo mimo que se adiviña nesta edición, a cal o converte nunha pequena xoia.

 

 

Vidas imaxinarias


Autor
: Marcel Schwob (tradución de Samuel Solleiro)
Ilustración: David Rubín, Chus Rojo, Simón Blanco, Santiago Sequeiros, Óscar Villán, Javier Olivares, Isabell Seidel, Nuria Díaz, Alberto Guitián, Pedro Rodríguez, Pablo Otero, Fernando Ruibal, Carlos Arrojo, Xulia Vicente, Dani Padrón, Marcos Viso, Meli Molita, Iria Fafián, Jose Domingo, Xulia Pisón, Nuria Tamarit, Víctor Rivas.
Ano: 2017
País: Galicia
ISBN: 978-84-947807-0-7

Aira