Kali Uchis – Isolation

05/04/2018 • Rinse | Virgin

En 1998, Lauryn Hill lanzaba, tras o seu grandioso éxito baixo os Fugees, o que sería o seu primeiro e último álbum de estudo ata a data, The Miseducation of Lauryn Hill. Naquela obra, todo o que criamos saber do neo-soul volvíase patas arriba nunha das mensaxes máis claras de feminismo e anti-racismo do século XX, e que foi imposible acercarse a el durante todos os anos que van deste novo século. Non era só a mensaxe o que funcionaba, senón que se trataba dunha auténtica revitalización dun xénero que se daba xa por concluído e sen nada que ofrecer como é o Soul. A produción era nova, diferente, e alcanzaba dentro dela diferentes ramificacións que estilos musicais como o hip hop, o jazz, o funk ou o house foran introducindo dentro das evolucións dos seus estilos.

Aqueles pasos nunca foron en vano, e aínda hoxe estamos a vivir a súa repercusión. Dende o hip hop de Kanye West ata o rythm and blues de Frank Ocean ou Beyoncé, e incluso o trap de C. Tangana ou Bad Gyal que tanto está a dar que falar cada día, beben do que Lauryn Hill, Erykah Badu ou D’Angelo fixeron a mediados dos noventa, cando os grupos de moda eran as boyband e o estilo máis reivindicado como vangarda mundial era o grunge. Xa mencionamos antes a Frank Ocean ou Beyoncé, que resultaron ser as máximas expoñentes deste estilo musical, máis hai miles de nomes ao redor do mundo que tamén están aínda aprendendo do que o Neo-Soul fixo hai xa dúas décadas. Aí están tamén SolangeJanelle MonaeSteve Lacy ou, como non, da que hoxe imos falar, Kali Uchis, que, sen chegar ao nivel que puideron mostrar os nomes que antes mencionamos como propulsores do estilo nos noventa, si se gañou o posto como unha das mellores mostras de que toda aquela vangarda musical aínda está sendo recollida na actualidade, propulsándoa e creando auténticas obras de arte. Con todo, se ben é demasiado cedo para saber que vai ser de Kali Uchis dende agora, si podemos empezar a ver por onde van ir os tiros.

No seu debut, a artista medio colombiana tenta crear unha obra introspectiva, onde toques de bossa nova e neo soul se combinan á perfección co ritmo máis característico e coñecido do reggaeton, abarcando hip hop e pop polo medio, cunha guinda do pastel en modo de psicodelia gracias á colaboración de Kevin Parker (Tame Impala) en temas como Tomorrow. En Tyrant, primeiro dos sinxelos que foron lanzados para presentar este disco, Kali Uchis decide contarnos unha das aventuras amorosas que a trouxeron a facer este disco. No tema, a colombiana fala do seu amor como unha persoa á que decide darlle todo o seu amor, o seu poder, mais faino con medo do que poida facer con el. Fala de como, aínda cos riscos, ese amor pode converterse nun tranquilizante cara a dura e violenta realidade na que vive. Así, hai comparacións de dito amor cun calidoscopio, o cal lle permite imaxinar cousas lonxe do material e imaxinar mundos descoñecidos.

Dende os temas de corte máis clásico, como Flight 22, a aqueles máis atrevidos como Nuestro Planeta, en todos eles Kali tenta mostrar algo de si mesma, das súas relacións, e da súa peculiar visión do amor como unha das formas de evadirse da realidade tan horrible que a rodea. Sen chegar a ser un álbum puramente político, a colombiana decide que a viaxe que ofrece a aquel que a decida escoitar serva, igual que a ela, como un pequeno respiro á afogada materialidade que nos tocou vivir.

Kali Uchis