A plataforma GaliciaLe incorpora ao seu catálogo 77 filmes de 24 produtoras galegas

A plataforma de préstamo de libros e revistas en formato electrónico GaliciaLe incorpora agora un catálogo audiovisual á súa oferta cunha proposta de 77 filmes, entre os que se poden atopar documentais, películas de animación e longametraxes de ficción. Este espazo permite o visionado en liña durante dous días de cada un destes filmes logo do seu préstamo a cada usuario. Calquera usuario con carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia pode rexistrarse na plataforma, accesible en www.galiciale.gal
Entre as películas que pasan a estar dispoñibles atópase un amplo abano de posibilidades, desde De profundis a Sicixia ou A Esmorga, pasando por Mimosas, Todos vós sodes capitáns, Un bosque de música, A cicatriz branca, O club da calceta ou De bares, ata obras como Celso Emilio Ferreiro. O poeta da vida ou Aquel neno chamado Xosé Neira Vilas.
Nos últimos seis meses tamén se sumaron á colección un total de 95 títulos de libros electrónicos en galego, como Rosa tántrica, de Luz Pozo Garza; A burra Ramona, de Paula Carballeira; Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz; As cousas que non queremos oír, de María Reimóndez; Illa soidade, de An Alfaya; Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville; ou Fume, de Antón Fortes.

A Consellería de Cultura e Educación adquiriulles as obras do catálogo galego a nove editoriais galegas (Alvarellos Editora, Baía Edicións, Ediciones del Viento, Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Laiovento, Netbiblo e OQO editora), que se completan con obras cedidas mediante convenio polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Nas vindeiras semanas a oferta completarase con outros 44 títulos de títulos electrónicos e tamén revistas en galego.

A estas editoriais engádense agora, coa incorporación do catálogo audiovisual, 24 produtoras galegas: Abano, Agallas, Arraianos, Adivina Producciones, Amanita, Alicia Veira Ramos, Ces Media, Cinebinario, Ficción Producciones, Film Arante, Frida Films, Madeleine Producciones, Marcos Nine Búa, Matriuska, Miolos Filmes, Nós Produtora Galega, Noveolas Producciones, Numax, Pórtico, Portocabo, Vaca Films, Vía Láctea, Xamalú FilmesZeitun Films.

Vídeo promocional de GaliciaLe no que participan a actriz María Mera, o catedrático de Física Jorge Mira, o escritor e editor Francisco Castro, o booktouber Sebas García Mouret e a cantante de Mamá Cabra, Gloria Roel.