C. Tangana – Avida Dollars

19/04/2018 • Sony

por | Abr 27, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

A historia de C. Tangana está cheo de momentos nos que, co márketing como mellor aliado, conseguiu facerse cun oco privilexiado entre o trap estatal. Traendo en certos momentos unha música máis pop rap, pronto veu que debía deixar de lado a súa posición como un rapeiro más baixo o nome de Crema e empezar co que estaba a poñerse de moda nos Estados Unidos, o trap rap e o pop rap, collendo moitos dos elementos que fixeron interesante ao Alternative R&B. Unha das súas mellores decisións foi ver o que estaban a facer artistas como Drake, que alá polo 2013 sacara o seu gran Nothing Was the Same, e adaptalo ao mercado estatal. Así, en 2015, lanzou o seu EP 10/15, xa baixo o nome de C. Tangana.

En 10/15 collía varias das bases que mellor lle funcionaran a Drake, que se xa posuía un posto privilexiado, e que neste ano lanzaría o seu Hotline Bling e rompería os esquemas antes coñecidos na música máis mainstream, e facíaos seus. Non ían ser simplemente temas con bases ben elixidas, senón que aproveitaría e, de paso, nalgúns dos temas do traballo lanzaría mensaxes contra artistas moi coñecidos en diferentes ámbitos da música estatal. Así, continuaba o seu beef cos Chikos del Maíz, e acordábase deles en Nada; e recollía as burlas cara Carlota Cossials e o odio as Hinds no seu tema C.H.I.T.O, chegando a lugares que outros non conseguiran chegar. Pouco despois chegou o seu traballo baixo Agorazein, Siempre (2016), onde solidificaría os maiores acertos que conseguiran lograr no trap nun dos traballos máis sólidos daquel ano.

C. Tangana foi creando unha personaxe de egocentrismo e dereitismo ao seu arredor. Non faltaba quen lle aliase con Ciudadanos, ca dereita estatal e o chamase perro do capitalismo. E, permítase dicir, con razón. Este tipo de acusacións, con todo, nunca pareceu preocuparlle e, de feito, nos seus dous últimos traballos, Ídolo (2017) e este Avida Dollars (2018) o único que fai é recrearse no papel que lle toca xogar na industria musical, deixando de lado polo camiño a sorpresa, a vangarda e a orixinalidade. Algo, de feito, que tamén lle pasou ao canadense Drake.

Avida Dollars foi o anagrama co que André Bretón decidiu cualificar a Salvador Dalí cando este decidiu comercializar a súa arte, criticando tanto a maneira de facerse publicidade como o seu método creativo. Dalí foi unha das maiores figuras do surrealismo, e dende a súa xuventude a súa identidade política estivo en discusión. De novo, estivo relacionado con movementos anarquistas e comunistas, mais pronto o seu egocentrismo e megalomanía fixo que as súas bases políticas iniciais quedasen de lado. Fuxiu a Estados Unidos durante a Segunda Guerra Mundial, e non foi ata finalizar a Guerra Civil cando volveu a Europa, e ao Estado Español. En época de posguerra asentouse en Cataluña, e alí viviu ata a súa morte, sendo un gran aliado do fascismo, que se aproveitou da melomanía de Dalí para mellorar a súa imaxe internacional dende a apertura da ditadura ao exterior nos sesenta, deixando de lado a autarquía.

Debemos, agora, para seguir na nosa análise tanto deste disco como de C. Tangana e Dalí, falar de cultura hexemónica, aquela que responde ás necesidades do Capital, e a contra-hexemónica, que busca romper con este. Ao falar de cultura contra-hexemónica, falamos de que o destaque debilitante da hexemonía pode vir dende dous sentidos: o puramente formal, que viría coa capacidade do artista a renovar ou innovar as cuestións meramente estilísticas do medio cultural no que realiza a súa labor artística, e a cuestión ideolóxica, onde a mensaxe política que o artista decide lanzar dende a súa obra cobra unha posición de ruptura co capitalismo. Non se trata de conceptos separados, senón que están conectados e en continua interacción.

Cabe destacar que a maioría de artistas que foron definidas baixo a etiqueta do surrealismo, lideradas por André Breton, destacaron pola súa postura militante, e fixaron a vangarda artística baixo o activismo político como un dos seus principios básicos. Que Dalí se lanzase fora deste principio fixo que os seus colegas de vangarda, polo tanto, o repudiasen. Con todo, o excentricismo de Dalí e a súa necesidade da fama, así como a súa capacidade artística, convertérono nunha das caras máis coñecidas da vangarda. E, como xa dixemos, este éxito foi recollido polo franquismo, o cal se aproveitou da capacidade de Dalí no puramente formal, para crear discurso cultural a través da súa figura.

Na súa idea de márketing, supoño que C. Tangana pensou que estaría ben ser tan egocéntrico de compararse con Dalí á hora de definirse a si mesmo e á súa figura na cultura estatal, cualificándose así tras os ataques de outras agrupacións musicais que fan trap e rap e que o repudiaron pola súa ideoloxía política. Con todo, a súa comparación no pasa do estético, incluso dentro do formal, e a súa posición privilexiada baséase na creación dunha personaxe puramente paródica, onde non existe un destaque nin musical nin ideolóxico. Resulta irrisorio, pois, que C. Tangana se atreva incluso a compararse con Salvador Dalí nas repudias que recibe, pois están máis que xustificadas.

En Avida Dollars, vemos o peor do C. Tangana que estamos a coñecer dende fai un tempo. A mixtape consiste nunha serie de temas entrelazados entre eles cunha produción máis agresiva do usual en temas como Still Rapping, Na de Na ou Sangre, mais a liña habitual do álbum é unha gran cantidade de temas dunha similitude ata sospeitosa con temas que xa vimos anteriormente do artista madrileño, con certos cambios formais o suficientemente interesantes como para que soen diferentes nos nosos oídos, pero que pronto soan aburridos e repetitivos. Non é, pois, nin sorprendente nin interesante, e semella unha maneira de que Pucho se sinta ben consigo mesmo e que lle serva para acomodar aos seus fans no que xa fai, sen sorpresas lonxe de sinxelos promocionais como foi Llorando en la Limo que, se ben non soaba diferente ao que fixo para Ídolo, si servía para elevar e manter no tempo o éxito do seu último álbum de estudo.

Nesta mixtape estamos destinados á decepción. Sen novidades nin sorpresas, trátase dun álbum egocéntrico, tranquilo e salvavidas, onde é máis importante manter á galiña dos ovos de ouro de Sony enriba máis que poñer a un artista nos seus propios límites. E é importante que aqueles que están na cima sexan os que tentan ir máis alá, pois eles son os que marcan o camiño. Con todo, a este paso, a fama non só lle costará cara a C. Tangana no formal, caendo no seu propio xogo, senón que nun mundo en eterno movemento como é a música pronto o levará ao esquecemento ou, senón, de novo a un segundo plano.

C. Tangana