Select Page

por | Abr 26, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

Fugly e Whales, as bandas portuguesas máis en forma do momento

Fugly e Whales acaban de chegar dunha xira por Europa de máis de vinte datas tendo en Lugo a súa única etapa galega, e veñen erixidos como unhas das bandas portuguesas actuais con maior proxección no continente. Cada unha co seu estilo a defender, claro. E é que sempre resulta interesante xuntar dous estilos diferentes, sobre todo se a base é a mesma – o rock. Fugly levan o rock de garaxe pola distorsión do punk mentres Whales o traen para un ambiente electrónico e máis experimental. De primeiras é innegable que conforman un cartel, cando menos, atractivo. O Club Clavicémbalo foi unha das catro paradas no estado español deste Euro Sprint Tour e dende aquí só podemos felicitar a Ho! Gruf por sacar adiante un evento así. É meritorio que a nosa cidade, “na que nunca hai nada“, fose a única casa galega para estes músicos.

A experiencia nos di que a puntualidade non adoita ser o punto forte dos concertos no Clavi, especialmente cando reina un ambiente relaxado e distendido, como era o caso (cando chegamos, un grupo estaba de cháchara e cervexas na porta; o outro, xogando placidamente ao xedrez). Fugly eran os primeiros en sair ao palco, e notábase que a sala ainda non estaba o suficientemente chea como podería ter estado; a pesar diso gañáronse con temas como “Hit a Wall” e “Waste My Time” a aqueles que xa tiñan ganas de moverse. Os Fugly son unha banda de Porto formada por catro amigos, que xuntos crean unha banda moi pura e frenética de garaxe punk. E cunha mensaxe que penetrou con facilidade no público: “We are the millenial shit!”. A partir daquí, a banda arroxaba a súa timidez ao abismo grazas a unha ristra de cancións verdadeiramente efectivas, simpáticas e ben interpretadas.

O rock and roll é a música máis marabillosa que ten existido, capaz de coa maior simplicidade facer que o pulso se acelere e o corpo se libere das restriccións da lóxica, tamén é unha música con máis de 60 anos de vida e miles de ramificacións que moitos tentaron matar por obsoleto ou por intentar domesticalo convirtíndoo en peza de museo. O bo dun grupo como Fugly é ver como o rock se mantén vivo na súa máis pura esencia, pasando de tecnicismos e buscando a interacción, a espontaneidade e as ganas de troula.

Con enérxicos concertos que bateron nos corazóns da Europa e a recente confirmación no festival Parades de Coura, os Fugly son, seguramente, artistas en alza que soben a pasos longos na escada do garaxe portugués. O outro grupo que os acompaña vén de Leiría e non tocan propiamente punk, mais é un dos grandes talentos emerxentes da escena alternativa lusa. Whales é un poderoso trío de mozos que forman o nexo perfecto entre a electrónica e o indie rock. A min, persoalmente, remitíronme aos primeiros anos de vida dos británicos Foals e do seu primoxénito Antidotes, coa engádega presenza de máis sintetizadores e teclados.

Os de Leiría desplegaron un repertorio que, como o seu recén estreado disco (que non puiden evitar comprarlles alí; de feito, voaron bastantes copias), ten a capacidade de facer que ninguén permaneza moito tempo cos dous pés no chan. Lograron transmitir con creces esa sensación de festa que esixe o seu directo a pesar do evidente cansancio dunha xira tan longa. Cada tema é isto mesmo, unha viaxe, diferente das outras, levándonos por momentos de introspección, encanto nos deixamos invadir polos ritmos atmosféricos, pero tamén polos máis desenfreados. Temas como “How Long” e “Big Pulse Waves” fixeron as delicias da aumentada e entregada audiencia alí congregada que non parou de disfrutar, bailar e botar durante a hora restante. Tanto é así que houbo ata outra invasión de escenario.

Outro punto a favor da actuación dos Whales, ademais da enerxía e o bon rollo que desprenderon en directo, foi a humildade e o agredecemento que verbalizaban con insistencia entre canción e canción. Todo un gustazo, a verdade.

Ámbalas bandas comentaban que se arriscaran con esta tourneé, pero algo lles dixo que tiñan potencial para levar a súa música polo mundo adiante, sentírono así, e están nunha boa altura para facelo. Fugly e mais Whales son dous dos máis prometedores nomes da música independente do noso país veciño. Ide estando atentas, escoitade os seus álbums e se tedes a oportunidade, ide a velos ao vivo. O futuro está aquí.