Kimbra – Primal Heart

20/04/2018 • Warner Bros

por | Abr 25, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

A primeira vez que escoitei a Kimbra foi, igual que moita outra xente, na canción de Gotye Somebody I Used To Know, a cal debeu soar en absolutamente todas as radios do mundo entre 2011 e 2012, precisamente o ano no que a cantante neozelandesa lanzou seu primeiro disco. Este Primal Heart chega catro anos despois do seu último traballo e ven acompañado da man do produtor John Congleton, colaborador habitual de St. Vincent.

O disco comeza ben, The Good War é unha canción pausada que vai gañando intensidade pouco a pouco, con un uso interesante da voz, unha percusión sutil nas estrofas e uns sintetizadores que estoupan nos estribillos. Sen embargo é con Top of the World cando o disco despega finalmente. Trátase probablemente da canción máis interesante de todo o disco, unha pista de synth pop con certos aires exóticos e rituais que contou coa colaboración de Skrillex na produción.

Unha das principais fortalezas de Primal Heart é que é un disco bastante sólido, que se ben ten seus momentos fortes e seus momentos baixos, non hai ningún tramo do tracklist no que se poida afirmar de maneira clara que caia no recheo. Resulta sorprendente como Top of the World ben seguida doutros dous singles, Everybody Knows e Like They Do On the TV, dúas cancións de pop máis tradicionais pero non por iso menos funcionais. Así mesmo na metade do álbum podemos atopar temas como a impecablemente producida Human ou a enérxica Lightyears e algunhas sorpresas no tramo final como o minimalismo de Version of Me e Real Life. A primeira delas é unha balada intimista con unha instrumentación consistente nun piano e nuns delicados arranxos de corda, mentres que a segunda consiste nunha peza conformada únicamente por capas de voz da cantante neozelandesa, manipuladas mediante vocoder e autotune.

Primal Heart é un bo disco de pop, sen embargo en certa medida daba a sensación de que podería ter sido un traballo todavía máis interesante. Os adiantos Top of the World e Human semellaban indicar que podíamos ternos atopado ante un álbum máis arriscado e innovador, mentres que o resultado final é algo máis tradicional e predecible. A pesares disto, pódese dicir con seguridade que se trata dun dos discos de pop máis destacables do que vai de ano.

Kimbra