Chega a IVª Ourense ICC Week, punto de encontro da vangarda creativa audiovisual e cultural

En maio, do 2 ao 5, chega unha das grandes citas galegas coa creatividade e a innovación, a cuarta entrega da Ourense ICC Week. O marco das industrias culturais e creativas de Ourense, que organiza a Deputación, aglutinará máis de 100 horas de actividade e case unha vintena de ponencias. Ao longo desa semana debaterase en diversos lugares da provincia sobre a música, o cinema, a fotografía, a arqueoloxía, a xestión cultural e as TICs, entre outros moitos temas.

Desta volta, o recanto das TIC enriquecerase e cubrirá novos horizontes coa entrada en xogo dunha óptica feminina: a das mulleres tech. Trátase da xornada Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, prevista para o 4 de maio. Para afondar no eido audivisual a ICC Week contará coa visita da directora e guionista Gracia Querejeta, mailas presenzas de Luz Castro -profesora interina na Facultade de Comunicación Audiovisual da UDC-, Cynthia Gálvez -organizadora do Women TechMaker Zaragoza e da comunide Mulleres Tech-, e de Sara Rodríguez -manager de asuntos públicos e regulatorios en Adigital e en Sharing España-.

A industria musical centrará o seu discurso nunha xornada na que os músicos e compositores Nacho García Vega e Luis Mendo falarán arredor da Supervivencia na xungla dixital. Ademais, J. M Sastrón, presidente de Sociedade Xeral de Autores e Intérpretes, entregaralle o Premio Musa SGAE a Yosi Domínguez, integrante da banda ourensá Los Suaves, en recoñecemento á súa traxectoria. Durante a celebración da ICC Week entregarase tamén a primeira edición do premio “Rodolfo Prada á xestión cultural”, un galardón instaurado pola Deputación de Ourense co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os traballadores e traballadoras da cultura en Galicia.

Como novidade nesta edición terá lugar o ICC Gamers, un evento que xirará arredor do fenómeno dos videoxogos e os e-sports. Na programación deste ano destaca tamén o tratamento do humor como industria cultural e creativa para o cal se conta coas intervencións do presentador Juanra Bonet, a escritora Moderna de Pueblo e os humoristas e guionistas Alberto Casado e Rober Bodegas. Ademais, tamén terá lugar un espectáculo de comedia a cargo de Pantomima Full, o sábado, 5 de maio, ás 20.00 horas, no Teatro Principal da cidade.