Redondela en Curto achega unha trintena de filmes entre o 26 e o 30 de abril

Dezaseis curtas seleccionadas entre 800 candidatas compoñen a sección oficial do XIV Redondela en Curto. O festival de curtametraxes da Vila do Viadutos inclúe ademais seis producións na sección Curtísimas, catro da de cinema galego e outras catro no apartado Andaina, orientado a traballos que abordan a diversidade funcional. En total, unhas 30 obras audiovisuais que se poderán ver do 26 ao 30 de abril nunha edición que conta coa presenza de Mabel Rivera e Monti Castiñeiras no acto de inauguración. A proxección dos filmes levarase a cabo no auditorio do Multiusos da Xunqueira. De xeito previo, onte comezou a desenvolverse a programación escolar do evento, á que se agarda que acodan un total de 1.400 alumnos.