Select Page

por | Abr 24, 2018 | Concertos | 0 Comentarios

Fotografía: Pablo Rodríguez (SON Estrella Galicia, 07/04/18)

Belako: A confirmación que esperabamos

Cara finais de febreiro Belako publicaba o seu novo disco, Render Me Numb, Trivial Violence. Un traballo co que o cuarteto de Mungia se reivindicaba coma un proxecto musical consolidado a nivel estatal. Este era o seu terceiro álbum, o máis ambicioso ata a data. Non quixemos perder a oportunidade de achegarnos á sala Capitol para comprobar por nós mesmos se o seu directo nos causaba a mesma impresión.

Izaro foron os encargados de abrir o evento, ante unha sala medio baleira e un público un pouco frío. Esto posiblemente se debera a que non era o teloneiro axeitado. Por un lado, non se correspondía cos intereses musicais dun público que ía ver a Belako; e polo outro, o seu pop canónico e meloso, non conseguiu caldear o ambiente da sala.

Chegou o turno de Belako, pero a Capitol non se encheu moito máis. Atreveriamonos a dicir que a principal causa da ausencia de público neste concerto fose a contraprogramación que supuxo o Melona Fest. Ambos os dous eventos disputaban unha franxa de público semellante. Con todo, o concerto comezou con ”Maskenfreiheit”, o tema que abre o seu último disco. Puidemos comprobar desde este primeiro momento a contundencia do seu directo, incluso máis noise que a gravación de estudo. Tamén, a presenza dunha backing track cunhas melodías de sintetizador que exercían de arranxo e que deshumanizaron completamente a parte electrónica da banda. Os aportes electrónicos gañaron peso en “Nice church”, unha canción que representou un dos mellores momentos de todo o concerto e na que destacou a presenza dun baixo moi potente – unha das claves da banda – axudado por un efecto fuzz.

Non faltaron os temas máis coñecidos dos seus dous primeiros discos que, a dicir verdade, non funcionaron tan ben no concerto. Estas cancións só rebaixaron a intensidade dun directo caracterizado pola súa potencia. Sin ser aburridas, foron unha conta atrás para ver de novo a Belako na súa vertente máis punk e distorsionada.

Si o seu último traballo nos pareceu a consolidación definitiva do grupo a nivel estatal, este concerto non fixo máis que confirmalo. As cancións que atopamos en Render Me Numb, Trivial Violence, lograron relucir aínda moito máis nas súas interpretacións en vivo.

Belako