por | Abr 23, 2018 | Libros, Literatura | 0 Comentarios

‘Noutra dimensión’, pero coa realidade ante nós

Noutra dimensión, obra xuvenil de Marica Campo, bota man da mitoloxía clásica para falar do proceso de madurez, cunha premisa fantástica, pero que non logra desenvolver todo o seu potencial.

SINOPSE

Cidre é un neno que desexa fuxir. Os seus pais pasan o día a discutir, algo que el non soporta. Con axuda dun libro de apócemas máxicas tirado da biblioteca, e dun misterioso vendedor de ungüentos, conseguirá converterse en vento. Dende ese momento, Cidre vivirá todo tipo de aventuras baixo a súa nova natureza.

Noutra dimensión

Cidre non aturaba as discusións dos seus pais (Ilustración: Noemí López)

A HISTORIA

A situación que plantexa dende o primeiro instante resulta atractiva. Quen non quixo fuxir da casa nalgún momento durante a infancia ou adolescencia? A radical decisión do protagonista de converterse en vento ten a primeira e evidente consecuencia: arrepentirase e quererá volver a ser quen era, un neno normal. Porén, antes de lograr o seu obxectivo, deberá vivir unha serie de experiencias.

Como as túas accións, despois de deixar o teu corpo de carne, foron nobres, foiche concedido. Aínda así, non retornarás até que chores os sete chorares, rías os sete rires e atopes a fonte da vida longa“.

Malia atoparse, como refire o título, “noutra dimensión”, Cidre está de feito máis próximo á realidade que nunca. Coñece deuses e deidades mitolóxicas, pero tamén se verá a cara con mundos tan duros coma o do narcotráfico ou o terrorismo. Nestas ocasións, o protagonista procurará impartir xustiza, sen deixar de lado a súa misión de volver a casa en forma humana.

OPINIÓN

Unha premisa boísima e un punto de partida inmellorable, pero que perde forza segundo pasamos as follas. Esta historia de madurez ten todos os ingredientes para ser unha delicia, pero quedou nunha lectura amena, e reivindicativa en exceso. A trama perde forza a carón do afán crítico da voz narradora (a do protagonista, anos despois da súa aventura). O Cidre adulto, que nos conta as súas peripecias de neno-vento, está demasiado centrado en denunciar os problemas deste mundo. Ás valoracións sobre clasismos, conflictos lingüísticos ou ecoloxía (por mencionar só algunhas) non lles falta razón, pero déixame mal sabor de boca a falta de sutileza nesas mensaxes; máis valería invitar a reflexión con só plantexar as situacións, e coas accións xusticieiras de CidreAs aseveracións, en boca do protagonista e doutras personaxes causan unha impresión case dogmática que, seguro, non era a intención da autora, pero que provocan certo rexeitamento no lector.

Noutra dimensión

Cidre en acción (Ilustración: Noemí López)

A narración queda entorpecida por este motivo, e tamén porque da a impresión de querer abarcar moitos temas moi rápido, coma se todas as inxustizas existentes tiveran que mencionarse e xulgarse en pouco máis de duascentas páxinas. Non deixo de pensar que o resultado sería aínda mellor prescindindo dalgunhas das correrías de Cidre, en especial de cara ao final do libro.

En canto a personaxes, Cidre non me resulta un protagonista atractivo. De primeiras empatizamos con el, é un neno que o pasa mal cando seus pais discuten, e incluso ás veces cúlpase. Porén, a súa radical decisión non é de todo verosímil, ao ser meditada e necesitar unha preparación exhaustiva. Tampouco é crible a facilidade coa que os pais esqueceron os seus problemas no momento do regreso, e de socato semellan unha familia feliz e sen problemas.

Se facemos o esforzo de crer que o pasa tan mal como para marchar, atopamos o seguinte problema na personalidade de Cidre: a súa habelencia para xulgar aos demáis, e que ten relación co punto que desenvolvín anteriormente: chega a resultar cargante. Está moi ben que tente facer xustiza, pero o feito de seguirmos toda a historia a través da súa perspectiva, narrada en primeira persona, fai que me plantexe como verían as outras personaxes as súas actuacións. Como o pasaría o compañeiro que humilla por andar coa rapaza que lle gusta, ou o home de negocios ao cal arruina a vida? Son detalles que provocan antipatía cara Cidre, por moito que as súas vítimas non fosen uns santos precisamente.

Noutra dimensión

A mitoloxía ten un papel importante nesta historia (Ilustración: Noemí López)

Por non deixar de mencionar o bo, que tamén o ten: a narración é fluída, e engancha. É moi atractiva a aproximación que fai á mitoloxía clásica é moi destacable, así como o xeito de integrala na historia. Coñecemos aos ventos, as ninfas e mesmo se produce un paralelismo con Cidre e Ulises, o viaxeiro que chega por fin a casa, e que unha vez de volta poderá asimilar as aventuras vividas e as aprendizaxes gañadas. O significado que se lle da a Chetan, o guía de Cidre, tamén é un punto a favor, xa que máis alá de darlle un sentido a esta personaxe tan curiosa, potencia o significado final da historia, que coma a propia vida, cíclica.

Eu son Chetan, que quere dicir ‘vida‘”

CONCLUSIÓN

É unha mágoa que unha idea tan boa non chegase a ser todo o que podería ser. Unha lectura que pasa rápido, da que se pode aprender algo, incluso algo interesante, pero que nin chega a calar nin reivindica con efectividade.

Noutra dimensión


Autor
: Marica Campo
Ilustración: Noemí López
Ano: 2011
País: Galicia
ISBN: 978-84-9865-351-9

Galaxia