Elas son Artistas, o primeiro Festival Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade

As áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña veñen de presentar o I Festival Metropolitano pola igualdade “Elas son Artistas”, un dos dez proxectos premiados na primeira edición do Concurso de Ideas pola Igualdade Luísa Villalta, que promove a institución provincial.

A programación do festival está integrada por un total de 15 espectáculos -concertos de música, teatro, poesía, danza, pintura, xornadas de debate-, que se desenvolverán nos concellos de A Coruña, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada e Arteixo e que ten por obxecto impulsar a visibilidade do talento e a creación feminina.

Nastasia Zürcher, Ana Li, Silvia Penide, Marian Ledesma, Las Antonias, Carla López, a compañía teatral A Panadaría, Aldaolado, Blues do País, Ele, Femino Plural, Berta Bittersweet ou a guatemalteca Rebeca Lane son algunhas das artistas que participarán na primeira edición dun certame que reivindica a igualdade de oportunidades para as mulleres neste ámbito.

As actuacións concentranse en diferentes emprazamentos, como son o Teatro Colón, a sala Garufa, a Mardi Gras ou o Filloa Jazz. Haberá un servizo de transporte específico co obxectivo de que ningunha persoa se perda os eventos por mor da distancia entre concellos.

As entradas e os abonos para asistir aos diferentes espectáculos saíron hoxe á venda a través da plataforma Ataquilla.com