‘Dhogs’, premio da crítica no festival de Cine fantástico de Bruxelas

Dhogs (Gaitafilmes, Pixel Films), a ópera prima de Andrés Goteira ven de engadir un recoñecemento internacional máis ao seu avultado palmarés propio. O filme galego gañou o prestixioso Premio da crítica no marco do Festival Internacional de Cinema Fantástico de Bruxelas (BIFFF), un dos máis importantes do mundo neste xénero.

A película, que acadou 13 galardóns na última edición dos Mestre Mateo, resultando a produción máis premiada na historia destes premios, segue a acumular éxitos. Ten un amplo percorrido en festivais nacionais e internacionais e foi a primeira película gravada en galego en chegar á Sección Oficial do prestixioso Festival de Sitges.

Antes da agardada estrea en salas, Dhogs proxectarase o sábado 12 de maio nos Multicines Norte de Vigo, dentro do Festival Primavera Do Cine. Esa mesma sala acollerá a preestrea no Día das Letras Galegas.

O filme conecta seis tramas que alternan a intriga, a obsesión e a sensualidade. Unha película de historias paralelas que xiran en torno a unha serie de peculiares personaxes: Unha fermosa muller, un home de vida escura, un taxista e un vello ex-militar.