A Place to Bury Strangers – Pinned

13/04/2018 • Dead Oceans

por | Abr 19, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

A Place to Bury Strangers foron gañando un nome propio dende mediados da década pasada grazas aos seus concertos a todo volume e seus enormes muros de son creados mediante distorsións, presentes tanto nas súas grabacións de estudo como nos seus directos. Pinned é xa o quinto disco da banda de Nova York, lanzado novamente coa discográfica Dead Oceans.

Durante as doce cancións que compoñen este novo álbum, A Place to Bury Strangers exploran máis que nunca as influencias do post punk dos anos 80, xa presentes en traballos anteriores, mais agora gañando moito mais peso. Podería dicirse que o son de Pinned está a medio camino entre o estilo de bandas como Joy Division, Bauhaus ou Siouxsie & the Banshees mesturado coas guitarras cargadas de ganancia de bandas como The Jesus and Mary Chain ou My Bloody Valentine.

A produción do disco é extremadamente cru, sen intención en ningún momento de lograr un son pulido e sen asperezas. A Place to Bury Strangers empregan o ruído como un elemento musical máis das súas composicións, e este ruído non se atopa escondido nin suavizado, senón que ocupa o primeiro plano en todo momento. Esto pode resultar tanto como un dos principais atractivos deste disco como unha das razón polas que moita xente pode percibilo como unha escoita difícil.

Os principais problemas de Pinned están relacionados coas composicións que o conforman, xa que se ben as interpretacións e a produción logran conferirlle moita forza e intensidade, ningunha das cancións que compoñen este disco chega a ser verdadeiramente memorable. O comezo coa batería pulsante de Never Coming Back e os ritmos de rápidos de Execution funcionan como unha apertura adecuada para este traballo. Na metade do tracklist atopamos Frustrated Operator, unha das cancións máis disfrutables de todo o traballo, na que as voces e as guitarras túrnanse o protagonismo dunha pista cimentada pola liña do baixo. Cara o final do disco Act Your Age e Keep Moving On continúan a funcionar, logrando que o álbum non decaia a medida que van pasando as pistas.

Este ano xa nos deixou un puñado de discos cunha grande influencia do post-punk como poden ser o novo de The Soft Moon ou máis recentemente o disco New Material de Preoccupations. Este novo traballo de A Place to Bury Strangers logra diferenciarse cunha aposta moito máis sucia e ruidosa do que acostuma a ser este xénero, mais non triunfa á hora de deixarnos cancións desas das que sintes a necesidade de escoitalas de novo unha e outra vez.

A Place to Bury Strangers