Manuel Rivas, Keith Payne ou Filipa Leal visitarán o oitavo festival PontePoética

Manuel Rivas, Elías Portela, María Xosé Queizán e a portuguesa Filipa Leal serán as encargadas de abrir, o vindeiro 20 de abril, a oitava edición da PontePoética, festival de poesía en Pontevedra que coordinan Yolanda Castaño e Antón Silva. Con elas, un total de dez poetas participan nun programa que se desenvolverá ata o día 22, con actividades centradas no Teatro Prinicipal da cidade. Míriam Ferradáns, o irlandés Keith Payne (responsable da tradución do libro Six Galician Poets), a francesa Aurélia Lassaque, Itxaro Borda, a catalá Dolors Miquel e Juan Carlos Mestre completan o elenco desta edición na que, ademais de recitais poéticos en sete linguas, haberá tamén encontros con alumnos de diferentes institutos, unha proxección de videopoesía e o espectáculo Poemas dun traidor, a cargo de Elías Portela.

Yolanda Castaño, tamén poeta e directora de Poetas Di(n)versos, subliñou a normalidade (inusual) dun festival de poesía que vai pola oitava edición; cun programa con maioría feminina, baseado na calidade e diversidade: hai poetas que comezan a súa carreira como a galega Miriam Ferradás xunto a consagrados como os Premios Nacionais Manuel Rivas (de Narrativa) e Juan Carlos Mestre (de Poesía); modelos alternativos respecto ao xénero como María Xosé Queizán (“a autora máis importante do feminismo en Galicia”) e a vasca Itxaro Borda ou mesmo a presenza dun dos cumios da poesía islandesa, o nacido en Cangas Elías Portela ou dunha poeta que escribe, fala e sinte en occitano.

As persoas interesadas en inscribirse nos obradoiros de Rivas e Mestre, que son de balde como o resto das propostas, deben inscribirse o correo cfuentesmoledo@yahoo.es