Canine – [hélice]

10/04/2018 • Triunvirato

por | Abr 18, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

A semana pasada tivemos a sorte de poder estrear en exclusiva o novo EP de Canine. O dúo compostelán formado por Alfonso Traficante aos teclados e Antón Blanco á batería voltaba con cinco novas cancións baixo o brazo gravadas entre setembro e decembro de 2017, nos Terraforma Estudios de O Hío, en Cangas do Morrazo.

Como xa se anunciou co lanzamento do primeiro adianto do EP, IV. Tema Circular (siloxismo), o título de este traballo é a propia portada do disco e non  [hélice], nome que se lle confire pola necesidade imposta polas plataformas de streaming de música de acompañar cada publicación dun título escrito. Así mesmo os títulos das cancións que compoñen este traballo semellan estar disprovistos dos seus significados, case funcionando máis como elementos estéticos que significantes, xa que nin Tema Circular é a cuarta canción do EP, nin o prólogo abre o disco nin o Epílogo o pecha.

É precisamente o Interludio a peza que abre esta colección de cancións. Trátase dunha pista composta exclusivamente polos teclados, os cales van gañando intensidade e crudeza no seu tono de maneira constante e progresiva. En II. Balada Menti aparece xa a batería nunha peza na que ademáis do rhodes podemos escoitar tamén unha liña de sintetizador escondida na mistura de son. IV. Tema Circular (siloxismo) xoga cos ritmos constantemente á vez que conta con algúns dos momentos máis accesibles á vez que memorables de todo o EP mentres que Epílogo Prólogo pechan de maneira conxunta este traballo.

A proposta de Canine ao longo destas cinco cancións é moi fresca, enmarcándose dentro do jazz mais procurando tomar como referencia en todo momento as propostas máis vangardistas e actuais deste xénero musical evitando así caer en tópicos e en manías tan características de aqueles estilos que levan décadas ás súas costas. Así mesmo, este novo EP, aínda cunha instrumentación máis reducida (a ausencia do baixo non se fai notar moito en ningún momento) logra presentar unha proposta máis cohesionada que a do anterior traballo de Canine resultando polo tanto unha continuación moi interesante a un debut que xa apuntaba maneiras.

Canine