Select Page

Antía Yáñez gaña o Premio Illa Nova coa novela ‘Senlleiras’

A escritora burelá Antía Yáñez fíxose co Premio Illa Nova de Narrativa 2018, que convoca a Editorial Galaxia para menores de 35 anos. A novela gañadora, Senlleiras, que chegará ás librarías o vindeiro mes de maio, achega segundo a editorial “unha cuestión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres”. O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela “conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes”.

O premio -que se inaugurou o ano pasado coa obra de Vanesa Santiago A vida sinxela de Marcelo Firmamento– busca animar ás novas xeracións da literatura galega, o mesmo efecto que logrou daquela. A propia Vanesa Santiago fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o galardón e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras, nunha gala que tivo lugar na sede viguesa da Fundación Barrié. O momento máis emotivo da cerimonia foi a homenaxe feita á recén desaparecida Xohana Torres. Contou ademáis coa actuación musical da Banda da Loba.