por | Abr 18, 2018 | Literatura, Novidades |

A Semana da Poesía Salvaxe volve a Ferrol neste mes de abril

En abril, nun mes intensísimo respecto a todo o que ten que ver cos libros, coa literatura, co amor á palabra escrita, chega unha nova edición da Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol, unha importante cita que por once anos consecutivos pon a poesía nas rúas.

A cidade naval acollerá o evento que comeza o 25 de abril, ás 18.00 horas, coa tradicional proclama político-poética e no Cantón de Molíns, que contará coa participación, entre outros, de Xurxo Souto. Ás 20.00 horas a actividade trasladarase ao Teatro Jofre, que será o escenario para os poemas e as voces de cinco poetas: María do Cebreiro, Iolanda Zuñiga, Eva Veiga, Estíbaliz Espi​nosa​, e a portuguesa, Filipa Leal, dentro do recital Elas. No acto lembrarase tamén a “Revoluçao dos cravos”.

As actividades desenvolveranse ata o día 28 coa participación de autores e autoras como Carlos d´Adra, Victor M. Diez, Karlotti, Alba María, Sara Marchena, Cris de la Maza, Ricardo Lado, Grupo Poético Moraima, Eli Zeta, Lois Pérez, Rosalía Fernández Rial, Carlos Santiago, Lucía Aldado, Javier Semprún, Eduardo Fernández Gijón e Borja Semprún entre outros.

A iniciativa desenvolverase en diferentes mercados e salas da cidade, como a Fundaçom Artábria, a Sala Super 8 ou a Torrente Ballester. Como é habitual, o programa incluirá propostas musicais e espazos de improvisación poética.