Hinds – I Don’t Run

05/04/2018 • Lucky Number

por | Abr 16, 2018 | Discos, Música | 0 comments

Na música sempre hai grupos que recollen o odio da maioría de fans dun estilo de música ou corrente artística á que pertence dito colectivo. Así, no chamado indie, atopámonos como grupos como Izal, Supersubmarina, Love of Lesbian e un longo etcétera recollen a cólera e as faltas de respecto de moita da que debería ser a súa audiencia. En gran parte, o odio acumulado por esas bandas é porque sempre repiten un patrón nas súas composicións e letras, chegando a ser repetitivo e aburrido escoitar o que teñen que ofrecer, sen sorprender nunca cando lanzan nova música.

A chegada das Hinds, antes coñecidas como Deers, pódese definir como unha apoteose. Dende cero, unha banda de Madrid de garaxe chegou a tocar en moitos dos festivais máis importantes da historia, así como a abrir a moitas bandas cun percorrido enorme. E todo isto sen apenas material detrás: de feito, cando as Hinds tiveron a oportunidade de tocar cos Libertines, unha das bandas máis importantes da historia do Reino Unido, apenas tiñan no mercado dous sinxelos nos que presentaban dúas cancións en cada un. Un deles era, de feito, a mellor e máis pegadiza canción que a día de hoxe seguen a ter as madrileñas: Bamboo.

Estaba xustificada a repercusión que tiveron as Hinds naquel entón? Dende logo, non. Con tan pouco percorrido, e cunha capacidade interpretativa tan encasillada, curta e deficiente, as poucas explicacións que conseguían ser dadas ao que lle estaba a pasar as Hinds levantaban, como era de esperar, envexas e, como non, odio. Moito odio.

As Hinds nunca se definiron por ser as mellores músicas do momento. Dende logo, non se aventuraron a facer música recoñecida pola necesidade nesta de virtuosismo. Lanzadas a por un garaxe lo-fi pouco repetido na actualidade, e contando cunha actitude desenfadada e xuvenil, atopáronse cun nicho de mercado inexplorado e do que poder tirar. Con todo, dito nicho tardou en explotar no Estado Español, tendo unha reputación máis positiva dende un comezo no estranxeiro, e sendo capaces de facerse cun nome a nivel internacional antes da aceptación estatal, a cal tamén rematou chegando.

Tras lanzar ao mercado unha selección dos seus mellores temas —que, en realidade, eran os poucos que tiñan—, debutaron oficialmente en 2016 co seu primeiro longo, Leave Me Alone. Nel, todo o peor delas foi recollido: o seu estilo continuaba a presentar as mesmas limitacións formais e o seu garaxe lo-fi soaba incluso menos pegadizo que nos sinxelos anteriores. A crítica estatal recibiu o álbum con ollos inchados e chorosos, recollendo moito do odio que xa acumularan no pasado, e as reseñas, polo xeral, foron duras. Internacionalmente, sen embargo, conseguiron datos moito máis positivos que axudaron a aumentar a súa fama. Nos directos, por outra banda, sacaban toda a actitude que presentaban nos seus contidos audiovisuais, e a festa prometida nos seus concertos permitiulles facerse un oco entre o resto de produtos.

A realidade é que aquel Leave Me Alone pecaba de algo moi sinxelo: o garaxe lo-fi das Hinds tiña demasiadas pausas, moita calma e non conseguía captar a actitude xovial das madrileñas. Así, se iso era todo o que tiñan que ofrecer, pasada a novidade caerían no esquecemento. Con todo, a forza do seu directo era o suficiente como para que se a banda madrileña nos daba a mínima curiosidade puidésemos desfrutar verdadeiramente do que podían ofrecer e, como mínimo, pasar un bo rato coa carga de enerxía que levaban consigo.

Chegados a 2018, a fama era palpable. Así, o que antes tiña unhas capacidades de andar por casa, agora convertíase nunha capacidade para producir algo máis profesional. Volverían, para este segundo longo, I Don’t Run, a Cádiz, a gravar novamente con Paco Loco. Con todo, esta vez ía con elas Gordon Raphael, produtor dos Strokes nos seus primeiros albumes, polo que a dirección do proxecto estaba en mans máis importantes que anteriormente.

O primeiro golpe veu nas vendas. Elas, que co seu debut lograran colarse entre os 50 mellores discos nas listas de vendas, agora vían como o seu posto acortábase en case 40 puntos, quedando moitas daquelas primeiras impresións e repercusións positivas que viran nun principio polo camiño. Con todo, isto non é malo, senón explicable e ao que se lle pode ver un punto positivo: unha vez pasaron as campañas extremas para a súa difusión, agora víase claro que de todo aquelo, polo menos, conseguiron suxeitar e manter un gran público xa como propio.

Agora ben: o que si se reduciu —aínda máis, se cabe— foi a personalidade nas súas composicións. O que antes era un garaxe lo-fi sen pretensións, agora, tras a man de Gordon Raphael, convertíase nunha mestura entre o garaxe rock dos Libertines e as guitarras sucias e ao pé das voces das primeiras composicións dos Strokes, perdendo no camiño a esencia que as levou á fama. Así, temas como The Club, Linda ou Finally Floating non fan máis que mostrar ata a saciedade repeticións de fórmulas que funcionaron fai 20 anos, mais que hoxe en día non rematan de ser, como moito, un salvavidas para un grupo que non trae consigo ningún tipo de pretensión máis alá de manterse nunha posición de tranquilidade e desfrutar do pouco éxito que poidan ter.

Segue, con todo, a haber mostras do son máis Hinds posible. En Soberland e Echoing My Name recuperan partes da fórmula que conseguiu repercusión para temas como Bamboo ou Castigadas en el Granero, cun son rozando o surf no que, baixo unha batería moi simple como premisa, as guitarras e o baixo soan o máis limpos posibles e as voces de Carlotta Cosials e Ana Perrote cantan a dúo e se entrelazan. Caso aparte sería New for You, onde o son limpo ven axudado por cambios de ritmo e coros ben situados, sendo por moito a mellor canción do longo.

Gustaríanos que, á hora de escoitar algún día as Hinds, nos sorprendamos. Que non nos atopemos con música que pareza feita a correr, e cuxa verdadeira capacidade non necesite esperar aos arranxos e espellismos do directo. Sería unha auténtica marabilla que puidesemos substituír unha aceptación por unha aprobación verdadeira, e que o seu son de verdade mostre personalidade e orixinalidade. Con todo, en I Don’t Run, tal cousa non é conseguida, e está destinado a que o esquezamos.

Hinds