Select Page

por | Abr 16, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

fotografía de cabeceira: VivaLugo

Hickeys e Carisma no Club Clavicémbalo: Ousadía e bos modais

Diversión, brincos, empurróns, invasión de escenario, cervexa desparramada, cercanía, compadreo, surf, lo-fi, garaxe… todo isto podería definir o concerto que ofreceron Hickeys e Carisma o sábado 31 de marzo na sala O Clavicémbalo de Lugo

Carisma é unha banda nova composta por catro xoves asturianos que xa se moveron por varias salas do norte do Estado, incluso tamén por festivais, xa que formaron parte da primeira edición do sonado Tsunami Fest. Característicos por un garaxe cru e directo con aires surfeiros, inspirados polo mar e as inhóspitas praias da súa Xixón natal, saíron a escena coa xente aínda entrando e poñéndose en situación. Con temas pegadizos e cañeiros como Dolor de cerveza ou Let´s Kill conseguiron meter no peto a unha audiencia predisposta. Pásano ben e o persoal, especialmente xuvenil e a maioría rapazas (algo que por desgraza non se ve sempre nos concertos da nosa cidade), parece que tamén. Nada que obxectar.

Finalizada a actuación dos de Xixón, aos que dende aquí vos recomendamos seguir a pista, chegaba o prato forte da noite. Entre berros de “Guapas!” e “Viva Hickeys!” dun público que máis que unhas artistas parecía que se ía reencontrar con amigas; Ana, Maite, Marta e Martina irrompían no escenario como quen está en territorio coñecido. Con enerxía, e con purpurina nas meixelas (glitter punk, como din elas), as madrileñas abriron o set cunha cover de ‘Anenome’ de The Brian Jonestown Massacre, un dos seus grupos de referencia. 

As Hickeys desprenden unha actitude festeira e desenfadada que fan participar aos asistentes nos seus discursos entre canción e canción, ademais de compartir con nós chapurreos en galego e insistir que en Lugo se come de marabilla. O repertorio de versións continuou cun temazo da Movida, La pluma eléctrica de Kaka de Luxe que enlazaron cun clásico dos Ramones nun curioso mashup que fixo tolear a todos os presentes. Dende ese momento cantaron e tocaron a súa colleita propia de temas, do EP Diamond Munch, que reseñamos na nosa web.

Cancións que a veces nacen suaves, como a cámara lenta, ata que collen carreiriña e acaban explotando. Como Lights e Solitary Lady, que xa se convertiron nos seus grandes éxitos ao seren as máis coreadas e vitoreadas entre a audiencia. Ou Hickey Hickey Bang Bang, coa que pecharon a súa breve pero intensa actuación. Antes de tocala, dirixíronse ao público para invitar a todas as que quixeran a subir ao escenario. E así, durante o estrouso do que foi o seu primeiro single, iniciouse unha verdadeira ocupación do escenario. Un fin de festa de aplauso obrigado.

Quédalles todo un ano por diante que as levará por distintas cidades e festivais como o Sound Isidro, Tremendo Fest… e agardamos que volvan pronto á que xa é a súa casa, Lugo.

En suma, unha velada de concertos desfrutable. Teño que dicir que ámbolos cuartetos son bastante recentes e notábase nalgúns momentos puntuais algunha impericia, con paróns e certa perda de gancho entre cancións; nada que media ducia máis de directos na equipaxe non resolvan.