Boyanka Kostova – Vella Canción Galega

25/03/2018 • La Melona

por | Abr 16, 2018 | Discos, Música | 0 comments

A ninguén lle debería resultar descoñecido, a estas alturas, o nome de Boyanka Kostova. Cibrán e Chicho levan xa un tempo movéndose en Galicia cunha oferta de trap diferente ao resto das que vimos ata o de agora, cantando en galego e cunha estética moi marcada. Ademais, o seu directo contén diferentes peculiaridades: así, se o habitual no rap e no trap é que as bases veñan pregravadas e se reproduzan dende un ordenador portátil, os Boyanka Kostova traen consigo un auténtico concerto no que todo se fai en directo. Así, mentres Cibrán actúa como mestre de cerimonias, vese como Chicho tamén súa ata o final do concerto poñendo a música en cada concerto que fan, sen parar un só segundo.

O primeiro vídeo que subiron na conta de Youtube de La Melona chegou a finais de outubro de 2016, con Guay. Tras unha pausa —posiblemente, en relación a que Chicho é un dos membros de Esteban & Manuel, que lanzaron o seu álbum debut pouco despois—, volveron fai once meses con Codeína, que se converteu no seu tema máis afamado. Con calma, e tras un par de vídeos despois, lanzaron por fin un traballo de estudo: así chegou a nós en marzo o seu primeiro EP, Vella Canción Galega. Nel lanzaban catro novos temas, ademais do que foi o sinxelo promocional do traballo, Sito.

No primeiro no que non hai dúbidas é que os Boyanka Kostova conseguiron atopar o seu sitio nun mercado cada vez máis afogante. Así, a súa actitude sobre o escenario, as súas letras e o uso do galego como idioma nas súas cancións deulles a oportunidade de facerse un oco e conseguir rapidamente moitos fanáticos do que estaban a facer. Tamén, obviamente, existían moitas que se achegaban con coidado ao proxecto, mais que se permitían desfrutar do seu directo e remataban uníndose ao fenómeno Boyanka.

Os puntos positivos son moitos. Herdeiros do inconformismo e as inquietudes presentadas polos Malandrómeda, a produción do EP corre a cargo dun dos membros de esta, Hevi. Xuntos, conseguen que o son de Boyanka Kostova teña personalidade. O virtuosismo de Chicho, un dos pequenos tapados da música galega actual, capaz de combinar estilos tan diferentes como os que presentan os Boyanka cos proxectos paralelos de Bulto e Esteban & Manuel, fai que as bases de Boyanka Kostova soen moito máis avanzadas, diferentes e curiosas que moitas das producións que acumulan a maioría de grupos de trap incluso a nivel estatal. Temas como Cola Cao e Sito son, de feito, probas disto, e ambos se converten nas dúas mellores cancións do EP.

Con todo, hai cousas que non rematan de convencer da agrupación galega. Entre os seus moitos logros, arrastran un nivel paródico do que non só non conseguen desfacerse, senón o cal abrazan. Así, existen temas como Leiraz, no que o rural vese enxalzado con tópicos que nada bo traen a este e á idea que a sociedade galega ten del. Nun álbum cheo de bos temas, o arrastre que esta cuestión supón fai que o produto final se vexa manchado, discutindo se o que temos entre mans é un grupo con aspiracións musicais reais ou, simplemente, unha parodia.

Boyanka Kostova viñeron para quedarse. En Vella Canción Galega traen o virtuosismo e a orixinalidade a un estilo ateigado de grupos e artistas que repiten unha e outra vez as mesmas fórmulas como é o trap. Entre o aire fresco que supoñen, sumado á súa equívoca parodia, traen consigo un primeiro EP entre a calidade e a broma, sendo isto último a maior queixa que se lles pode pór.

Boyanka Kostova