Select Page

fotografías por Ada Seoane

MelonaFest #3 – Parte III (Bar Embora): Mounqup, Cuchillo de Fuego, V¡etnam…

O normal é que o último día dun festival sexa o máis duro. As pernas están cansas, e tras un par de días durmindo pouco e mal o habitual é que non esteamos frescos, ergámonos máis durmidos que espertos e arrastremos o cansar do día anterior ata o final da xornada. Aquí, os festivais divídense en dous. Por unha banda, están os festivais que no seu último día aproveitan para lanzar as propostas menos arriscadas, sendo así o cansar do seu público menos duro. Outros, coma o MelonaFest 3, deron na súa última data o máximo posible, sendo os pratos fortes do cartaz o menú do día.

Se no primeiro día o MelonaFest nos dera un día máis tranquilo, e un venres no que o trap se colaba ata o fondo dos nosos oídos, aínda tiñamos máis para contar. Hoxe, os escenarios ían ser, coma o día anterior, dous: en primeiro lugar, o Bar Embora sería o escenario elixido para os concertos. Despois, á noite, trasladariámonos á Sala Malatesta, onde ambient, techno, electrónica e idm serían as protagonistas, mais isto falarémolo noutra ocasión.

As primeiras dúbidas sobre a xornada do sábado comezaron ao rematar a do anterior, cando non pouca xente comentaba con dúbidas a decisión de realizar os concertos no Embora. Se ben é un dos locais máis queridos para realizar concertos, e onde é habitual que a Melona faga os seus espectáculos, podía quedarse curto para tanta afluencia de xente. Non sería a primeira vez que sucedese algo así, tendo en conta que fai nada ver aos Kings of the Beach nel —tocaron o pasado 22 de febreiro— foi unha tarefa imposible, xa que o bar se encheu con moita rapidez. Ditas dúbidas foron disipadas cando, ao chegar ao Embora, atopámonos cunha carpa exterior de cor branca, acompañada dunha barra, na que se realizarían os concertos.

Con bastante retraso, comezou a primeira cita da tarde. Aínda era cedo, e non había moito público, que si fóra crecendo dende a nosa chegada ata o comezo e continuación do concerto. Eran sobre as catro e media da tarde, e a gratuidade dos concertos propiciou que os espectadores fosen de todas as idades, permitindo que non poucos curiosos se pasaran polo Embora.

Sobre o escenario estaban Blanco Palamera, aos que vimos probar antes do comezo do concerto. O grupo está formado por Manu Blanco (guitarra) e Xoan Domínguez (batería), en directo acompañados con baixo, e teñen un estilo marcado polo r&b e o pop. Polo de agora, á hora de introducirnos no grupo non hai aínda moito, sendo os seus temas máis recoñecibles no directo os dous sinxelos que xa sacaron, Tu Luz, onde coxean máis da pata pop, e Caer, onde adaptan con bastante tino os sons máis característicos do r&b.

O concerto non se fixo duro, e o estilo do grupo convenceu. Bailes tímidos eran visibles entre cancións, e o grupo buscaba a complicidade co público, o cal soia conseguir: non por nada, tocaban na casa. Un par de desafines puntuais non mancharon a actuación de Blanco Palamera que, sen ser o grupo de máis percorrido do día, saíron enteiros do escenario.

Tras eles, subiu ao escenario Mounqup, unha das novas promesas da nosa música á que xa vimos facer un dos concertos máis destacados doutro festival durante o Super Bock Under Fest. A cabalo entre Francia e Galicia, o seu estilo é fortemente definible como art pop, ambient pop, glitch pop ou electrónica. Moi similar ao son tan característico e diferenciado de Bjork, Mounqup destaca e diferénciase dela por mostrar un arte máis rítmico e —ata— bailable, mais de igual invite á introspección.

Na súa proba de son a vimos probar como soarían as súas voces, mentres desprazaba o seu micrófono ao redor do escenario buscando calquera símbolo dun vindeiro e máis que posible acople. Antes de comezar, Mounqup deixou un inocente xesto que aproveitou para troulear co público: á hora de comezar deuse conta de que non preparara o setlist do concerto, e unha das persoas de primeira fila cedeulle un bolígrafo e un papel —antes do papel, Mounqup case prepara o setlist nun billete da compra— e, tras un rato pensando, comezou o espectáculo.

E moitas veces nas miñas crónicas utilizo a palabra espectáculo como sinónimo de concerto, mais nesta ocasión refírome a el coa segunda aceptación do termo, referíndome á sensacionalidade que se produciu no escenario. Mounqup, sen poder consideralo sorprendente dado á calidade do seu álbum debut, Proba de Son (2017), ofreceu a oportunidade ao seu público de ver algo abraiante como é ela crear.

Os cambios na súa voz aguda, inherente transmisora de tranquilidade no caos, mesturados cos efectos do sampler, onde se estaban a crear bases dunha potencia enriquecedora, fixeron que a conexión cos presentes fose case total. Non creo, de feito, que ninguén quedase descontenta co concerto, e fundamento esta afirmación no aspecto de felicidade concentrada que estaba na cara da inmensa maioría do público, que estaba a desfrutar do que estaba a ver e escoitar, e que rompían en aplausos cara Mounqup ao rematar ela cada canción.

Ao rematar o concerto, o público toleou a agradecer a Monqup todo o que acabo de contar nos parágrafos anteriores. Ela, con sorriso tímido e xa debaixo do escenario, miraba cara o público das primeiras filas. Pronto comezáronse a escoitar voces pedindo unha canción máis. Dende a equipa de son, coma o día anterior con Ângela Polícia, permitiuse a continuación do concerto. De novo, pagou a pena.

Tras ela subiu ao escenario o grupo vigués Dois, que souberon captar un posto sólido na música galega tras a saída en xaneiro do ano pasado do seu primeiro longo, Está Bien, do cal, ao comezo do concerto, foi tentado vender a última copia dos discos físicos que lles quedaban ao grupo.

O primeiro que chama a atención do son pop lo-fi mesturado con pequenos toques de psicodelia que presentan no álbum os Dois é que, na súa versión en directo soaron moito máis sucios que nas gravacións. Moitas veces, a voz de Óscar Raña, cantante do grupo, quedaba mais baixa do indicado que a instrumentalización do grupo, sendo difícil seguir as letras de non coñecer as cancións de antes. Alén disto, non faltaron os temas que os levaron a ser coñecidos, e agradeceuse o son máis sucio en cancións como Coches abandonados. O seu sinxelo Está Bien, tampouco faltou no setlist.

Con todo, o concerto de Dois non foi tan perfecto como podería ter sido. O son que os caracteriza, sumado á timidez que os integrantes do grupo mostran sobre o escenario, pode chegar a ser aburrido. Ademais, contaban cun factor moi negativo na distribución dos concertos, xa que tocar detrás de Mounqup non lles fixo ningún favor.

Tras Dois, quedaban xa os dous puntos fortes da tarde. En primeiro lugar, subirían ao escenario V¡etnam, novo grupo, ao igual que outras dos anteriores, a cabalo entre dous lugares: dende Barcelona, mais galegos de nacemento, lanzaron o ano pasado o seu segundo longo, Bajo la influencia.

O hardcore punk e post-hardcore da formación encargouse de manter as cabezas do público asentindo de maneira compulsiva durante todo o concerto. Un dos puntos máis bonitos do concerto foi xa ao seu comezo, cando Juan F. Navazas, dos Cuchillo de Fuego, subiu ao escenario a interpretar o tema no que participa no último longo do grupo, Gente que no (2017).

Chegada a hora do concerto de Cuchillo de Fuego, os nervios estaban a flor de pel. Non por nada, a agrupación de Pontevedra leva anos creando un dos espectáculos máis asombrosos dos que podemos desfrutar no país. Crecemento musical e actitude, sempre adornados cunha gran retranca política nas letras, gañáronse a pulso o posto. Dende Triple España (2014) a Megavedra (2017), o grupo cambiou dun destacado punk rock a unha vea máis noise e post-hardcore, pero sempre sen perder a súa esencia e mantendo o tipo.

O concerto contou coa maior complicidade por parte do público da velada. A gritos, celebrábanse as cancións do grupo. Con gran presenza do segundo álbum no concerto, non faltaron Hombre Blanco, Nocturno ou Fiestas de la Peregrina, as cales foron celebradas pola xente reunida baixo a carpa. Con todo, tampouco faltaron cancións do primeiro álbum como Bouquet (Fuego y Mierda) ou Electrónica Martinez.

Sen embargo, o momento máis celebrado do concerto tamén foi o máis esperado da tarde, xa case noite. Rematando o concerto, chegou o momento de que os Cuchillo tocasen Forforcio. Todas as miradas puxéronse atentas en Juan F. Navazas, cuxos gritos mesturábanse cos do público, todos gritando ao mesmo tempo “Jaime Peñafiel”. Tamén foi inevitable a aparición de pogos no concerto nos momentos instrumentais do tema, culminando o espectáculo ao que dita canción en directo está destinado.

Rematou Cuchillo de Fuego, e tocaba irse a cear. O vindeiro concerto sería o de Emilio José, xa na Sala Malatesta e na última cita co MelonaFest. Polo momento, neste último día, o festival conseguíunos mostrar moitas das caras máis interesantes do panorama galego musical actual. Con gran variedade de estilos, e saíndo vitorioso de cada un dos concertos, o MelonaFest serviu na tarde do sábado como un dos mellores escaparates para a música do noso país.