Los Nastys – Música Para El Amor y La Guerra

16/03/2018 • El Volcán Música

por | Abr 12, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Sempre que se fala dos grandes grupos actuais de garaxe e surf, existe unha tendencia a irse cara os que andan a triunfar en Estados Unidos. Así, saltan os nomes de King Gizzard and the Lizard Wizard, Wavves, Oh Sees ou Fuzz, tendendo a deixar de lado grupos de nivel estatal. Así, polo camiño esquecémonos de grupos como os nosos Kings of the Beach, capaces de facer vibrar como poucos nos seus directos, Novedades Carminha, Terbutalina, ou grupos coma o que hoxe temos entre mans, Los Nastys.

Los Nastys veñen dende Madrid, e dende alí comparten un movemento garaxe que está dando moito que falar dende a capital do Estado, xuntándose con outros grupos como as Hinds, xa de fama internacional, ou Los Parrots. Calquera destes grupos, de feito, promete nos seus directos un espectáculo ao alcance de moi poucas.

Os madrileños xa non son, tampouco, uns debutantes en estudo. Con varios EPs xa no mercado, este Música Para El Amor y La Guerra trátase do seu segundo longo, e tiña moita presión enriba del. O seu anterior longo, Noche de fantasmas con Los Nastys (2016), foi o seu debut en dito formato, e o contido deste deixaba moito que desexar, e agora tiñan que parchear máis dunha costura.

O resultado foi máis que positivo. En Música Para El Amor y La Guerra, os Nastys descobren a maneira de enxalzar a maioría dos seus puntos fortes, creando grandes momentos ao longo do disco, invitando a bailar e gritar durante toda a duración deste.

Un deses puntos fortes vén co tema Los Autos Locos, onde a morriña por unha historia de amor pasada se apodera do ritmo surfeiro da canción. Nela, Luis Basilio introduce de maneira ficticia unha conversa co público no medio do tema, acercando ao oínte á empatía co grupo e facilitando que, incluso a quilómetros de distancia, nos sintamos como público dun dos seus concertos.

O novo dos Nastys está lonxe de ser perfecto, e repite sen saírse da liña a maioría das premisas do garaxe e o surf. Con todo, o seu novo álbum é máis que desfrutable e derrochante de felicidade. Supón, polo tanto, un punto fresco entre as saídas musicais do ano que é máis que benvido.

Los Nastys