Unknown Mortal Orchestra – Sex & Food

06/04/2018 • Jagjaguwar

por | Abr 11, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Sex & Food é xa o cuarto disco de Unknown Mortal Orchestra, o dúo de rock psicodélico neozelandés formado por Ruban Nielson e Jake Portrait. Trátase ademáis do disco que funciona como continuación de Multi-Love (2015), quizáis o álbum da banda que recibiu unha mellor acollida tanto por parte da crítica como do público.

O primeiro que puidemos escoitar deste novo traballo foi o single American Guilt, unha canción de corte bastante rockeiro, coa guitarra eléctrica distorsionada como elemento principal na instrumentación, sen dúbida un dos momentos máis divertidos ao longo de todo o tracklist. A cara máis guitarreira de Unknown Mortal Orchestra é tamén a que abre o disco, tras a breve introdución de A God Called Hubris, o son de Major League Chemicals continúa este enfoque do rock psicodélico que por momentos lembra aos Tame Impala do seu primeiro EP, especialmente a cancións como Half Full Glass Of Wine.

Sen embargo o disco explora tamén outras ideas, Ministry of Alienation é unha canción máis pausada que incorpora elementos como sintetizadores e un saxofón cara o final da peza. Hunnybee quizáis sexa xunto a American Guilt unha das cancións máis accesibles de todo o álbum, na que a psicodelia logra ir da man de elementos da música disco e o rythm & blues.

Sen embargo ao longo da segunda metade do disco deixan de aparecer novas ideas. As cancións non son malas, mais xa non sorprenden. As guitarras de The Internet of Love (That Way), sen querer buscar todo o protagonismo da canción, teñen moita personalidade e o ritmo de Everyone Acts Crazy Nowadays dota de dinamismo á canción invitando ao baile en todo momento. Sen embargo non hai nada que nos sorprenda verdadeiramente.

Sex & Food non é un mal disco. Tampouco é un disco difícil de escoitar e mesmo ten unhas cantas cancións que funcionan verdadeiramente ben. Sen embargo é un traballo que non logra enganchar ao oínte por completo. En boa parte isto pode deberse a que a proposta de Unknown Mortal Orchestra neste álbum non logra ser a máis interesante dentro da psicodelia actual nin nos aspectos máis próximos ao pop, onde tanto o último de Tame Impala como o propio disco anterior dos neozelandeses resultaban máis funcionais, nin nos máis próximos ao rock, onde King Gizzard & The Lizard Wizard están a explorar ideas moito máis interesantes.

Unknown Mortal Orchestra