A viaxe das súas vidas: unha escapada de sinxelo esquecemento

A viaxe das súas vidas é a primeira película en inglés do director italiano Paolo Virzi. Tras os seus notables traballos en El capital humano e Locas de alegría, había unha gran expectación neste traballo. É unha comedia onde Ella e John – protagonizados por Helen Mirren e Donald Sutherland– son dous anciáns collen a súa antiga auto caravana para facer unha viaxe cara o sur que rematará en East Key, Florida. El ten alzheimer e ela tamén está enferma aínda que non se especifica de que nun primer intre, o cal senta sobre a base unha road movie peculiar.

A parella é o prato forte da película, Mirren e Sutherland fan mostra dun acto nivel actoral e a complicidade entre eles flúe dun xeito máxico. Algúns dos seus diálogos son das cousas máis bonitas que vin nunha pantalla de cinema e practicamente en ningún momento cae no melodrama barato. Unha muller que quere cumprir o soño do seu marido aínda que moitas veces non o lembre, de feito ás veces non lembra nin o nome da súa filla e lonxe de intentar tratalo de xeito fatalista, sempre se fai cun ánimo de seguir adiante a pesar dos grandes problemas. A pesar diso, Os momentos de tristes son coma se te cravasen un coitelo nas costas. As miradas de absoluta desolación de Ella cando John ten un momento malo. A frustración del nos momentos lúcidos, alguén que xa non é el mesmo, e moitas veces nin se da conta.

“A viaxe das súas vidas”. Paolo Virzi, 2018

O problema é practicamente todo o demais é malo. Gags sen ningunha gracia, situacións inverosímiles e sen sentido, secundarios absolutamente terribles, un guión plano e unha dirección de Virzi totalmente irrecoñecible se se teñen en conta as súas obras anteriores.  Ademais téntase facer un retrato duns Estados Unidos en plena campaña pola presidencia de Donald Trump que se fai mal, dun xeito apresurado e cunha nula capacidade de análise.

A mensaxe que se intenta transmitir é que a vellez, entre todos os seus problemas e momentos terribles, pódese vivir dun xeito vivaz. É unha película sustentada en actuacións brillantes pero parece que se esqueceu dos demais elementos e é unha verdadeira mágoa. Tamén é un chamamento á rebeldía, ao inconformismo. Que as persoas maiores tamén poden beber whisky e escoitar música disco e non pasa nada. Que ninguén vailles dicir nin como vivir nin como morrer aínda que haxa enfermidades de por medio.

Como digo, é un paso atrás na obra de Virzi. A viaxe das súas vidas, é unha obra altamente irregular que, se ben ten momentos brillantes, non creo que compensen os seus numerosos fallos. Parece enfocada a que a parella protagonista teña momentos emotivos e cargue co principal mentres a estrutura da obra está totalmente descoidada. Unha praxe bastante incomprensible que fai da obra unha películas que pasará sen pena nin gloria polas nosas retinas.

A viaxe das súas vidas
(The Leisure Seeker)


Director
: Paolo Virzì
Música: Carlo Virzì
Guión: Stephen Amidon (Novela: Michael Zadoorian)
Fotografía: Luca Bigazzi
Ano: 2017
País: Italia

Indiana Production Company / Bac Films / Rai Cinema