Primavera de Jazz, Rockin’Carballo e Romería Rock Arenteiro, novas citas musicais

Músicos de primeiro nivel traerá o XXII Festival de Jazz de Primavera que se celebrará en Ourense entre os meses de abril e xuño. O certame comezou a pasada noite cun concerto do baixista Joe Sander no Café Latino. Neste mesmo local actuarán o trompetista Ronald Baker (11 de abril); o pianista cubano Iván Melón Lewis (16 de abril); o guitarrista israelí Gilad Hekselman (22 de abril); e o grupo flamenco composto por Josemi Carmona e Javier Colina (24 de abril). O espectáculo estrela será a actuación do saxofonista Bill Evans, o 11 de maio na praza de Santa Eufemia, que será gratuíta. O plantel completarase coa función do saxo tenor Lew Tabackin (14 de maio); do cantaor Duquende (16 de maio); do saxo tenor Harry Allen (21 de maio); do saxo Kenny Garret (23 de maio) e do grupo da frautista galega María Moro (14 de xuño).

Outros eventos musicais van tamén presentando menús máis ou menos pechados. É o caso da Romería Rock Arenteiro 2018 de O carballiño. A promotora Telecaster Events ven de confirmar a actuación da banda de psichobilly 13 Bats completando o cartel artístico do evento. O vindeiro 26 de maio o Parque Municipal da cidade ourensá acollerá ademais os directos de El Último Ke Zierre, Dakidarría e Susie Q’s. Tamén actuará a formación local Nube Kingston e 33 Malandras, revelación no Festival Cultura Inquieta 2017.

Novas confirmacións chegan ao cartel do Rockin’Vila. IGMIG, Sondarúa, Kings of The Beach e Aula 11 engádense agora ao festival que terá lugar en Vilanova de Arousa os días 10 e 11 de agosto.

E para finalizar o repaso das novas festivaleiras desta semana o Rockin’Carballo anunciou unha nova edición para o sábado 30 de xuño. Carballo voltará a convertirse na capital galega do rock tras o paso de bandas como The Trashmen, Chesterfield Kings, Roy Loney, Barrence Whitfield, Los Straitjackets, Lagartija Nick, Atom Rhumba, Los Coronas ou Dr. Explosión. Haberá que agardar ainda polas primeiras bandas confirmadas.