Cinco curtas galegas percorren Galicia na III edición do ciclo ‘Ficciónate’

A Illa de Arousa, capital galega do cinema por terceiro ano consecutivo, acolleu este sábado a estrea do ciclo de curtas Ficciónate 2018. Esta proposta nace como circuíto de curtas por iniciativa privada de Abella Creativa e MT Produccións e pretende amosar o traballo dos novos talentos e alentar ás novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.

Nos vindeiros meses, o III Ciclo de Cinema Galego Ficciónate percorrerá distintos municipios galegos proxectando, entre outras obras, cinco curtametraxes de autoría autóctona estreadas nos últimos anos: Lurna, do actor e director Nani MatosQuinta provincia, de Miguel CanalejoMatria do vigués Álvaro GagoZugzwang, do novísimo Diego Markwalder; e Perversa Lola, da actriz e directora Sonia Méndez.

 

Ficciónate aposta por achegar este cine feito en galego ata calquera recuncho de Galicia, pero tamén a onde haxa un galego con ganas de saber qué se coce no novo audiovisual patrio. Teñen xa contratados pases e coloquios de aquí a outubro na Coruña, Melide, Sarria, Mugardos e Ribadeo, e outros vinte concellos amosaron o seu interese canda tamén as Casas de Galicia doutros lugares como Ponferrada, Barcelona ou Londres.