Select Page

por | Abr 8, 2018 | Literatura | 0 Comentarios

fotografía por Belén Garrido

Iria Misa: “Segredos no Solpor é a primeira novela que escribín”

Iria Misa é profesora e escritora, non necesariamente nesta orde. Gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por Xa non estou aquí, acaba de publicar a súa nova obra, Segredos no Solpor, novamente da man de Xerais. Falamos con ela.

Que imos atopar en Segredos no solpor?

Pois unha historia cargada de misterio que transcorre entre as paredes dun hotel dunha vila costeira. Amores de verán, festas e viaxes a praia…tamén segredos do pasado e do presente: dos que nacen para protexerse da incomprensión e dos que agochan o peor de nós como humanos e como sociedade.

Cal é a gran diferencia entre Segredos e a túa obra anterior? Por exemplo, respecto á exitosa ‘Xa non estou aquí’.

De momento teño dúas obras publicadas e aínda que considero que conflúen en puntos –a franxa de idade á cal val dirixidos, por exemplo- tamén son diferentes. Xa non estou aquí é para min unha novela un chisco máis escura. Coido que a mensaxe que transmite é de desalento, aínda que a súa forza nace tamén de aí, do descarnado dos sentimentos que reflicte. Pola súa banda, Segredos no Solpor, a pesar da crueza dalgúns dos temas que nela se tratan, ten un carácter máis amable. O escenario do verán, a praia, as vacacións… Quero pensar que transmite a importancia das segundas oportunidades. Creo que chama un pouco máis á esperanza, a pesar das situacións adversas que se dan na historia.

Que temáticas che gusta tratar nos teus libros? E xéneros?

Non me poño límites, non hai certos temas que para min teñan prioridade por riba doutros. Si que é certo que moitas veces me sorprendo a min mesma con ollo observador, recollendo información de aquí e de alá sobre cousas do noso presente que me remexen por dentro. Mais non é algo consciente. Escribo sobre o que me apetece dependendo da idea que se me ocorre. E as ideas ocórrenseme a saber como. Non sei por que pasa, pero cando pasa é moi emocionante. Préndese unha faísca e nace unha historia que se espalla coma un lume

Segredos no Solpor, a pesar da crueza dalgúns dos temas que nela se tratan, ten un carácter máis amable. O escenario do verán, a praia, as vacacións… Quero pensar que transmite a importancia das segundas oportunidades.

Como empezaches a escribir, ou a pensar en publicar?

Iria Misa: Comecei a escribir cando estaba rematando a carreira, supoño que por imitación: les moito, acabas escribindo. Apareceron historias e con elas a gana de sacalas adiante, pero recoñezo que ao primeiro andaba desorientada e non sabía ben como. Non me decataba de que o único que tiña que facer era sentar e botarlle horas, pero sempre había algo que facer. Entón chegou un punto da miña vida que todo se calmou, atopei mans amigas que me guiaron e ata hoxe. Alienáronse os astros. A miña primeira publicación veu da man dun premio.

Algún consello para quen empeza?

O único consello que podo dar é que, se alguén quere escribir, sente diante do ordenador e escriba. Non hai outro segredo. É o factor máis importante que podemos controlar. O resto xa non sei se está nas nosas mans…

Tes algunha manía como escritora, ou algún ritual? Por exemplo, obxectos que necesites ter canda ti? Escribes en silencio ou con algún son de fondo?

Manías non teño, eu creo. Si que procuro seguir rutinas. Se sento a escribir necesito saber que teño unhas horas por diante só para iso. Escribo sempre no mesmo sitio, no meu estudio. Está cheo de cousas que me gustan: libros, discos, fotos e pósters d@s artistas e escritor@s que admiro. Tamén me gusta ter ao meu redor obxectos que por algún motivo teñen valor sentimental para min, agasallos a maioría. Prendo o ordenador e collo o arquivador de argolas coas notas da novela. Cada idea, cada escena que se me ocorren, van nunha ficha de seu. Gústame poder abrir as argolas e mudalas de sitio se a historia mo pide. É algo que non podo facer no arquivo do procesador de texto, necesito facelo de xeito físico. Adoito escribir en silencio porque a música desconcéntrame. Déixoa para os descansos.

Onde che gusta buscar inspiración? En concreto, a ‘Segredos no solpor’, de onde ven?

Vén dun soño que tiven no que había un atropelo. As sensacións dese soño acompañáronme durante todo o día e lembro que comecei a escribir a historia en papel deste que está impreso por un lado pero que se garda para reutilizar. Traballaba nunha academia dando clases particulares polo verán. Algún alumno me deu plantón e aí me puxen. Foi a primeira vez –e última- que escribín unha novela a man. Deixei que a trama fose desenrolándose sen máis, pero grazas a iso logrei sacala adiante. Como xa expliquei antes, eu quería escribir pero non atopaba o xeito; este foi o xeito en que eu arrinquei. Segredos no Solpor é a primeira novela que escribín, aínda que pasou por varias versións ata chegar ao que é agora.

Creo que a miña escrita non está influenciada só por obras literarias senón tamén por outras artes. Por todo aquilo que me conformou culturalmente dalgún xeito.

Tes algún truco para loitar co bloqueo do escritor?

Non sei o que é o bloqueo de escritor. Sei o que é a preguiza de escritora, e o esforzo que supón ir ao estudio cando podería estar por aí cos amigos ou sinxelamente vendo unha película mala desas de domingo pola tarde. Para min escribir supón perder tempo de ocio e ter que organizarme entre o traballo e o estudo. Non é unha perda dramática claro, fágoo porque quero. Por outro lado, gaño, claro está. O truco consiste en sentarme diante do ordenador e conseguir comezar. Unha vez iso ocorre, as mans case teclean soas. Pero, hai que poñerse…

Cales dirías que son as túas influencias literarias?

As miñas influencias literarias son todo o que lin durante a carreira, autorxs clásicxs e contemporánexs da literatura anglosaxoa. Iso por un lado. Por outro lado están os referentes que, ao meterme de cheo na LIX, atopei na literatura galega. Grandes voces como Fernández Paz ou Casalderrey ou as autoras e autores que compoñen a chamada “Xeración da Esperanza”. Son tamén moi da cultura popular, creo que a miña escrita non está influenciada só por obras literarias senón tamén por outras artes. Por todo aquilo que me conformou culturalmente dalgún xeito.

Algún proxecto futuro do que nos queiras falar?

Non me gusta falar moito das miñas historias antes de que cheguen a algún destino. Podo dicir, iso si, que o seguinte será con bastante seguridade algo dirixido a un público infantil, e que teño xa historias ás que dar paso. Este ano reclámanme outras obrigas, pero estou desexando volver poñerme a escribir.

Que lle responderías a un rapaz que che di que “non lle gusta ler”, para motivalo?

Que siga buscando. Se non lle gusta ler é que aínda non atopou o libro axeitado.