Select Page

Super Bock Under Fest: O festival que Vigo precisaba

O Super Bock Under Fest comezara da mellor maneira posible o día 10 de marzo co concerto de presentación do festival a cargo de Slowdive e Dead Sea no Auditorio Mar de Vigo. Sen embargo entre as dúas semanas que separaron esta data do comezo do festival houbo tamén malas noticias, as cancelacións dos concertos de The Soft Moon e Simian Mobile Disco ameazaban con deixar un cartaz menos atractivo. Sen embargo as incorporacións de última hora de Telefon Tel Aviv e Hot Chip lograron disipar este temor.

O primeiro dia do festival desenvolveuse íntegramente nas principais salas de concertos do centro de Vigo. Un formato que nos recordou (para ben) ao do WOS Festival celebrado en Santiago de Compostela e que permite recorrer as distintas salas da cidade, as cales atópanse suficiente preto unhas doutras como para que os desprazamentos entre unhas e outras non supoñan perder case nada de tempo. Así mesmo a distribución dos concertos por recintos semellou funcionar de maneira moi acertada, encaixando perfectamente o estilo de cada banda coas características das salas nas que tocaban.

O primeiro concerto da tarde foi o da cantautora portuguesa Nadia Schilling que interpretou as cancións do seu disco Above the Trees nun ambiente intimista en La Casa de Arriba acompañada doutros tres músicos que lle concederon as cancións da portuguesa uns arranxos que lograron non botar en falta as orquestracións da versión de estudo. Antes de que rematara o concerto de Nadia Schilling os arxentinos Capsula estaban xa poñendo patas arriba a sala La Iguana con unha proposta non moi alonxada do rock tradicional mais que lograba transmitir moita frescura grazas a enorme enerxía das interpretacións.

As 11 da noite comezou o que quizáis foi o concerto máis interesante desta primeira xornada. O estadounidense Joshua Eustis, colaborador habitual de bandas como Nine Inch Nails ou Puscifer presentou a música do seu proxecto de IDM Telefon Tel Aviv na sala Masterclub. Un concerto case sen pausas no que Eustis, acompañado únicamente dun ordenador portátil, alguns pads, un micrófono e unhas proxeccións audiovisuais minimalistas, desenvolveu súa proposta na que o industrial e o glitch atopan un espazo común.

Sen embargo non todos os concertos máis destacados da xornada chegaron dende o estranxeiro. A galega Mounqup interpretou as súas cancións de electrónica e pop experimental na sala Goma Laca. Seu concerto destacou por lograr dotar dunha funcionalidade enorme a ideas musicais arriscadas, lembrando por momentos o estilo da cantante islandesa Björk. Sen dúbida unha das propostas máis interesantes da primeira noite do festival que todavía contaría máis tarde co DJ set dos británicos Hot Chip.

Os platos fortes do segundo dia do festival actuaron no Auditorio Mar de Vigo. Myles Sanko presentou seu soul clásico no propio auditorio ante un público sentado. Se ben a proposta musical de Sanko non sorprende, a súa voz e elegancia no escenario lograron poñer ao público en pé en varias ocasións dando como resultado un concerto moi disfrutable.

O concerto de Benjamin Clementine sen embargo tivo lugar no hall do auditorio, onde xa actuaran previamente Slowdive. Clementine acudía ao Super Bock Under Fest como cabeza de cartaz e seu concerto dende logo non decepcionou. Cun estilo musical moi característico e unha forma de interactuar co púlico case única, o músico inglés foi repasando cancións dos seus dous discos de estudo no que foi un concerto sen dúbida memorable, quizáis o mellor de todo o Super Bock Under Fest (co permiso de Slowdive), e do cal se podería falar durante outro artigo completo.

Un festival con este formato era moi necesario para Vigo. Un evento capaz de achegar a artistas da talla de Slowdive ou Benjamin Clementine á cidade pero que tamén teña oco para outras bandas e proxectos máis pequenos e próximos. Que achegue aos vigueses as salas de concertos da propia cidade, que non son poucas e que contan cunha proposta musical que non debería pasar desapercibida. Que achegue tamén a Vigo e Portugal, tanto a un nivel de públicos como de artistas, xa que a presenza lusa foi moi elevada no festival nestes dous sentidos.

En xeral a organización do festival resultou satisfactoria tendo en conta que esta era a primeira edición. A idea de programar algúns concertos ao aire libre semella acertada e unha boa idea de cara a dar visibilidade ao festival, a pesares de que algunhas de estas actuacións tiveran que ser canceladas pola chuvia, contra a que pouco se pode facer. Esperamos que este festival repita para o ano que ben aprendendo dos acertos e dos erros cometidos, buscando consolidarse como evento de referencia na cidade olivica, que carece de propostas musicais similares na actualidade.

Fotografías: Super Bock Under Fest.