New Material – Preoccupations

23/03/2018 • Jagjaguwar

por | Abr 6, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

O post punk é un xénero musical, que logo da súa aparición a finais dos anos setenta e a súa evolución na década posterior, se fai un tanto predecible a pesares de contar con elementos que propoñían unha revisión dos estándares do punk tradicional: a experimentación electrónica, novas técnicas de gravación e de produción, unha achega cara xéneros afastados da tradición do rock e un novo discurso que rachaba co pasado do punk e o enfrontaba ás súas propias contradicións. Nacerían unha gran cantidade de artistas baixo estas premisas, pero con sensibles diferencias musicais entre eles. Isto débese á falta de referentes ou ben ao tirón do “Do it yourself”, que lle permitiría a cada formación crear o seu propio collage artístico. Bandas tan dispares como Bauhaus, Joy Division, The Cure (que crearía o rock gótico) ou mesmo Nick Cave forman parte dos inicios do post punk e dos seus anos de apoxeo. O caso é que dende a década dos oitenta non se ven propoñendo nada novo baixo esa etiqueta.

Con todas estas referencias e referentes, emerxe na actualidade Preoccupations . Un grupo que se enfronta á difícil tarefa que se lle presupón a calquera banda de post punk contemporánea: renovar o xénero. Coñecidos anteriormente como Vietcong, New Material é o terceiro álbum de longa duración do cuarteto canadiense; o segundo baixo o nome de Preoccupations. Este álbum chega logo do magnífico traballo publicado no 2016 de maneira homónima, que se presentaba como un exercicio moito máis dinámico, experimental e versátil que o proposto en Vietcong. Probablemente sexa por  isto polo que as expectativas xeradas ao redor deste novo lp foran tan elevadas e se esperara un paso adiante no discurso de Preoccupations. É dicir, a súa consolidación no panorama actual como unha proposta ampla e fresca do novo post punk.

O son de New Material fórmase de texturas e atmósferas evocadoras debido ao peso do sintetizador e á presenza de reverberacións, que se fan notar excesivamente; un dos obxectivos do grupo é “facer un disco onde ninguén saiba nunca que instrumento está a soar”. Isto crea unha capa melódica á que se entregan as constantes voces que atopamos ao longo do disco. Aínda que presente un ton crepuscular, conta cunha produción moi limpa e con cancións moi popeiras e bailables, que se centran na repetición de pequenas figuras musicais.

En Espionage atopamos un nucleo melódico moi atractivo, con voces ao estilo de pregunta e resposta pero que desafortunadamente carecen dun soporte rítmico ou dunha liña secundaria forte. O mesmo sucede con Doubt ou Manipulation. Son cancións que se conforman cun bo son e unha idea repetitiva, pero que en definitiva resultan moi divertidas.

Descompose, o segundo corte, expón un patrón rítmico curto e constante no que atopamos o groove. Un motivo que volverá a presentarse en Solace, onde unhas guitarras afiadas e as liñas de baixo se misturan maxistralmente creando un dos temas máis destacables de todo o conxunto. Tamén se desenvolverá o funky en Antidote, a partir do ritmo que marca o baixo, que xunto á voz nos remite ao punk gótico. A diferenza das anteriores, estas cancións presentan maior contido musical.

Os momentos máis destacables veñen con Disarray e Compliance: a primeira delas é unha canción moi ben construída, novamente en torno a unha composición de baixo que semella un guiño a Disorder de Joy Division; mentres que a segunda é o tema que máis se afasta de todo o conxunto. Situándose entre o drone experimetal e a banda sonora, este tema logra sacarlle todo o partido á expresividade do timbre.

New material presenta dous problemas: por un lado, non mellora o álbum que o precede, co que é inevitable a comparativa; polo outro, tampouco é quen de alcanzar niveis de calidade máis altos que as primeiras xeracións do post punk. Á marxe disto, é un traballo moi serio e coherente, que aprende das súas referencias e consigue crear a súa propia personalidade sonora. Ben merece unha escoita. Ou as que fagan falta.

Preoccupations