Disco Las Palmeras!, Kali Uchis, Saba… Estas son as nosas seleccións desta semana

Como todos os venres, volven as saídas musicais. Trátase dun venres bastante movido, onde é obrigatorio destacar, sen ter saído o venres, o novo disco de Kylie Minogue, Golden, que veu a luz onte mesmo. A ela, uníronselle hoxe con novos traballos Unknown Mortal Orchestra, Cardi B, Hop Along, Eels, Wye Oak, The Aces, Young Galaxy ou 30 Seconds To Mars, entre outras. A nivel estatal, destacan os novos traballos das Hinds (con portada de Neelam Khan Vela), de Sr. Chinarro, o novo EP de Nathy Peluso ou Rels B. Directos aos nosos destaques, hoxe non podemos esquecernos de:

  • Disco Las Palmeras!: Estivemos atentas á saída de Cálida dende o comezo, e moi nerviosos por como ía ser. Os adiantos, por sorte, quitáronnos calquera mala sensación que podiamos ter. Hoxe, por fin, podemos escoitar o cuarto traballo dos galegos.
  • Kali Uchis: Dende Colombia, criada nos estados unidos, Kali Uchi deixou toques de calidade no seu primeiro EP, Por Vida (2015), onde produtores como Tyler, The Creator, Diplo, Kaytranada ou BadBadNotGood axudaban á construción da obra. Hoxe, e tres anos despois daquel debut, chega Isolation para facerse un espazo entre o rythm and blues e o neo soul estadounidense. Cun elenco de luxo, aos anteriormente mencionados únense agora Damon Albarn (Blur, Gorillaz), Sounwave, Thundercat ou Steve Lacy para que todo saia o mellor posible.
  • Saba: Tal vez aínda un descoñecido, Tahj Malik Chandler é un rapeiro nado en 1994 no cal moitos ollos están enriba dende a súa aparición no Acid Rap (2013) de Chance the Rapper. Tras lanzar o seu debut en 2016, o pasado día 4 lanzou o seu segundo traballo, onde ten moito que ensinarnos. Sen ser unha saída de venres, non podiamos evitar destacalo.