The Weeknd – My Dear Melancholy

30/03/2018 • XO

por | Abr 5, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Hai algo que ata me chega de molestar de The Weeknd. En moitas ocasións, demostrou ser capaz de desenvolver o rythm and blues como poucos. Sen embargo, sempre se queda nun artista de sinxelos, incapaz de facer un álbum longo que manteña un nivel durante máis de dez minutos. Dende o seu primeiro traballo, Kiss Land (2013), mostrouse como un artista melancólico e sensible, capaz de conquistar coa súa voz e unha instrumentalización lenta, preciosa, e que mantiña a vangarda que outros anteriormente marcaran, pero conseguindo destacar igualmente no movemento.

No seu último traballo, Starboy (2016), decidírase a deixar de lado a sobriedade e pureza sucia do seu estilo e marcárase algo novo, onde os ritmos eran máis movidos e a electrónica estaba enriba da mesa, mais tampouco sendo capaz de crear algo novo por si mesmo e dándolle a capacidade creativa aos principais produtores do álbum (os Daft Punk), que o acercaron a un son máis funk, e a aqueles que decidiron colaborar con el nas diferentes cancións do traballo como poderían ser Lana Del Rey ou Kendrick Lamar. O resultado final foi, lamentablemente para todas as que esperabamos algo grande nesta ocasión, tristemente normal, non servindo toda a novidade estilística para salvar un álbum máis que visto, aburrido e repetitivo.

Para este novo traballo, My Dear Melancholy, The Weeknd recolle sons do seu pasado e pequenas novidades estilísticas que introduciu mediante Starboy. Frank Dukes conta con créditos de produción en todo o EP, salvo nunha canción, e posiblemente o canadense decidira contar con el para tentar repetir o éxito conseguido con Camila Cabello e a súa Havana. En Wasted Times, ademais de Dukes, acompaña na produción o mundialmente coñecido Skrillex. Un elenco de luxo que intentou darlle á música de Abel Makkonen un empuxón suficientemente grande como para diferencialo dos traballos antigos do cantante, mais insuficiente e causando unha repetición do sistema xa realizado anteriormente, sendo as diferencias melódicas puramente testemuñais.

Por sorte para The Weeknd, Gesaffelstein si que supón certa novidade e revitalización do son deste mini-álbum. Chegados a I Was Never There, e tras tres cancións soporíferas e similares, o son do francés consegue dar a novidade que The Weeknd buscaba, e soando, ademais, como unha evolución correcta do son máis electrónico e lixeiramente máis rápido que se presentara no último traballo longo do canadense. Os cambios de ritmo son certeiros, e o resultado é moi positivo. A novidade repítese na seguinte canción, Hurt You, onde Gesaffelstein repite créditos como produtor.

Cando falamos de The Weeknd, falamos dun dos artistas máis coñecidos do momento, capaz de encher estadios e encabezar os festivais máis grandes do verán. Sen embargo, á hora de achegarnos ao musical, vemos como The Weeknd conseguiu fortalecer a súa carreira non tanto por méritos propios, senón por saber con quen xuntarse en determinados temas que lle permiten manter en alza a súa carreira. Igual que no anterior traballo Daft Punk lle salvaron da queima, neste traballo é Gesaffelstein quen ten a capacidade de que Abel Makkonen manteña de novo un traballo a flote. Unha vez máis, con todo, estamos ante un The Weeknd acomodado, incapaz de buscar máis alá da súa zona de confort.

The Weeknd