Damnation, un western contestatario

Estamos acostumados aos relatos da Gran Depresión onde os grandes inversores se tiran dende os altos rañaceos de Wall Street. Historias onde os responsables da situación son considerados vítimas. Pola contra, en Damnation amósase a outra cara da moeda: as clases populares asolagadas e organizadas para derrocar aos banqueiros e empresarios. Retrata a loita de clases e en todo momento ten claro de que lado estar.

As maiores virtudes deste western de Netflix é a temática que trata tanto polo pouco habitual da mesma, como polo ben que o fai. Sitúasenos no estado de Iowa, en medio da chamada América Profunda. Alí, un grupo de granxeiros están en folga en contra dos prezos fixos na venda dos seus produtos. Son comandados por Seth Davenport (Killian Scott), o predicador do pobo. O seus sermones eclesiásticos aléntaos en contra da orde establecida que os afoga. Faino un discurso eminentemente marxista disfrazado de verborrea eclesiástica dun xeito moi eficaz.

Como era de agardar, os privilexiados non ían quedarse de brazos cruzados, polo que contratan a un pistoleiro de gran habilidade que responde ao nome de Creeley Turner (Logan Marshall-Green). O seu traballo é o de “rompefolgas”. Non creo que sexa necesario facer unha descrición pormenorizada de en que consiste. Durante o transcurso dos capítulos pódese observar como se intenta provocar unha loita de liñas dentro do seo da revolta, como os medios de comunicación son utilizados a favor da clase dominante ou como se arma a grupos extremistas co único fin de acabar coa folga. Calquera parecido con outros conflitos ao longo da historia, pura coincidencia.

En xeral, a construción das personaxes é boa pero faise sobre unha base onde abundan os arquetipos. O tipo sensible pero duro e arrogante porque a vida o fixo así. O líder misterioso carismático con pasado tráxico. A femme fatale vingativa e misándrica. Todos son perfiles que soan. Iso si, salvo excepcións teñen gran encanto cimentado nunhas interpretacións non chegan á excelencia en ningún caso pero si a un notable coral.

Outro dos factores máis salientables de Damnation é súa fotografía. É habitual o contraste entre claros e escuros -exactamente como durante toda a trama- e uns planos xerais cunha composición de moi boa factura. Destaca tamén o bo gusto para os créditos, onde un rótulo co nome da obra é sobreposto ás imaxes máis bonitas e expresivas de toda a serie. Todo isto totalmente integrado na historia dun xeito natural. En ningún momento existe a sensación de estar forzado. A banda sonora tamén é moi axeitada e soa nos momentos onde o ten que facer.

Como dicía, todo o tema da folga está moi ben conseguido pero a medida que avanzan os capítulos pasa a un segundo plano. Perde importancia en favor do conflito persoal entre o predicador e o “rompefolgas” que o acaba por envolver todo. Aquí comezan os problemas porque a trama perde forza e un pouco de interese. A isto non axuda en absoluto o previsibles que son algúns dos acontecementos.

Ademais da historia principal, existen bastantes subtramas paralelas. Isto dota á obra dunha buscada complexidade de bastantes matices. O problema é que se ben algunhas funcionan e axudan a afondar nos problemas tanto persoais coma da sociedade estadounidense, outras non están ben construídas e acaban sendo pouco máis que ruído. Outro gran erro nos capítulos finais é que acaba caendo na clásica fórmula na que todo acaba dependendo do protagonista, como se o mundo de Damnation dependera na súa totalidade do personaxe interpretado por Killian Scott.

Pese as súas carencias, Damnation non é para nada unha decepción. É unha obra valente, cunha boa mensaxe e interesante. Unha volta de torca ao western como puido ser fai uns meses a tamén obra de Netflix Godless. Aqueles que igualen capitalismo a “progreso” igual se senten un pouco incómodos durante o seu visionado pero o aviso de “maiores de dezaseis anos” xa indica que non é para todos os públicos.

Damnation


Dirección
: David Mackenzie, Adam Kane, Rod Lurie, Eva Sørhaug, Alex Graves
Guión: Tony Tost, Nazrin Choudhury, Julia Cohen, Michael D. Fuller, Kevin Lau
Fotografía: Giles Nuttgens
Ano: 2017
País: Estados Unidos

Universal Cable Productions