Segunda e terceira fotografía cedidas por Cristina Calvete

Zoo: saltos entre unidade e reivindicacións

Ás nove e media pasadas entrei na Sala Malatesta de Santiago de Compostela. Era sábado. Zoo vendera todas as entradas cunha antelación que desbordou toda expectativa: ao día seguinte. É unha mostra do que triunfa está banda valenciana en Galicia, tan lonxe da súa casa e nunha lingua que non é a nosa. Como Pancho -o vocalista do grupo- dixo ao final do concerto, a nosa terra é a súa segunda casa. É habitual velos tanto en concertos como nos numerosos festivais que se organizan por estes lares. E menos mal.

Pero non quero adiantar acontecementos. Como dicía, ante a o sold out cheguei medianamente cedo para coller un bo sitio. Non puiden ir máis adiante da sétima fila. E iso que antes do prato forte estaba o grupo de rap galego Ezetaerre. Soaron dun xeito máis limpo que outras veces que os vin. Combinaron cancións antigas como Swagh -coa que abriron- con temas máis de recentes como os de 100, o seu último traballo. Por suposto, non faltou o seu gran éxito Non é verán de Estrella Damm, para o que se vestiron con roupa estival para a ocasión.

A calor non soamente estaba nas súas roupas, senón que pouco a pouco o impregnaba todo, como se podía ver nas meixelas vermellas de Petrowski (un dos compoñentes de Ezetaerre). O público en xeral cantou as cancións do grupo pero notábase que eran teloneiros. A xente contíñase a pesar de que foi un bo concerto, e de que Ezetaerre son bastante coñecidos en Compostela.

Durante toda a actuación, o grupo estivo diante dunha faixa que, entre outras reivindicacións, pedía a absolución para Emilio Cao. O momento máis emocionante foi o remate do concerto. Non porque o concerto fose malo nin moito menos, senón porque, arengado dende o escenario o público berrou en apoio a Cao. A parte do público que estaba a durmir, espertou de xeito repentino. Todo o mundo na sala mostrou apoio. Un empurrón a este rapaz que lle piden cinco anos e oito meses de cadea tras a súa participación na manifestación das Marchas da Dignidade xa fai catro anos.

Houbo un descanso onde o público aproveitou para facer unha parada na barra ata que comezou Zoo. E non decepcionaron, parecía que como se trouxeran a todos os animais xuntos nunha gran manada. Abriron con Corbelles e seguiron con Vull. A xente berraba como se estivese posuída e cantaba as letras enteiras. As cotas de asistencia correspondéronse co ánimo dos alí presentes. A catarse desatouse cando na terceira canción, La Mestra, fíxose o primeiro pogo. Dende ese momento xa non se volveu a parar. Destacou especialmente a loucura que desatou Ventiladors, un dos éxitos do seu último traballo.

A suor, o licor café polo aire e os golpes foron compañeiros. A banda non se esqueceu de tocar El Robot, o seu novo tema, que persoalmente en directo gustoume moitísimo máis que a versión de estudo. O grupo valenciano non decepcionou, coma case nunca, e ganouse con creces todo o amor que lle deu o público compostelán. Unha forma sinxela de resumir o concerto pode ser coma hora e media de saltos dun xeito ininterrompido. Fisicamente foi moi esixente. Unha longa xornada de ximnasio cun sorriso.  Ao día seguinte a actividade máis funcional posible era reptar. É o que hai, aínda que a sarna con gusto non pique, segue sendo sarna.

De novo, e unindo os dous concertos como se uniron as dúas bandas sobre o escenario, chegou a figura de Emilio Cao. Días antes, celebrouse na mesma sala un concerto solidario pola súa causa. Nun momento dado saíron os rapaces de Ezetaerre coa faixa que se utilizou ese día, para xunto con Zoo, volver a pedir a súa absolución. Se con anterioridade o berro do público foi grande, desta vez foi atronador. Case se escoitaba en Madrid.

Zoo
Ezetaerre