Nos Miran – Humo

09/03/2018 • Elefant Records

por | Abr 4, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Penso que non ter consciencia de quen son a día de hoxe Elefant Records está considerado como pecado en máis de unha relixión. Levan dende 1989 sendo un dos selos discográficos de música independiente máis coñecidos e con máis movemento do panorama. Das súas liñas saíron xa grupos como Camera Obscura, Carlos Berlanga, Family, Los Flechazos, Juniper Moon, La Bien Querida, Cola Jet Set ou La Casa Azul. Nomes, canto menos, coñecidos e respectados dentro do mundo indie estatal. De eles tamén saíron unha cantidade de “fillos” dese son tan característico que foron creando co tempo, sendo exemplos claros disto Papá Topo, Axolotes Mexicanos ou, nestes últimos tempos, e no que hoxe nos ocupa, Nos Miran.

O son procurado por Elefant Records, con todo, é bastante claro: soen acercarse a grupos que se lanzan en brazos a un indie pop non tan comercial coma o que outros grupos poden crear, mais que co tempo converteuse nun produto claro e que chega a un consumidor xa máis que habitual, atopando un nicho de mercado e explotándoo a máis non poder. Nese senso, pois, os grupos novos que se achegan á discográfica teñen certos patróns que se repiten, tal como un uso delicado da electrónica, combinado con letras de temática costumbrista, e na que é difícil destacar. Nos Miran son un claro exemplo disto, onde nas súas letras lanzan comentarios sobre Barco de Vapor, excursións ou Murakami, sen ningún tipo de mordente ou algo especial que os faga destacar.

Como Nos Miran, moitos dos grupos que comezaron a traballar en Elefant Records presentaron unha problemática similar. Nun comezo, o seu traballo ten demasiado doutros grupos; neste caso sendo claras as influencias de La Casa Azul ou Axolotes Mexicanos. Sen embargo, unhas influencias claras que hoxe poden resultar problemáticas, nun futuro poden ser simplemente anecdóticas e capaces de axudar a desenvolver algo máis propio. Caso claro disto foi a culminación de Papa Topo co paso do tempo, que os converteu nun grupo máis que destacable.

Os primeiros pasos son duros, e máis cando as posibilidades estilísticas, en principio, son tan curtas. Dentro de Elefant Records destacar é difícil, mais non imposible. O son de Nos Miran ven de Capitán Sunrise e do traballo de Marta Quintana en solitario como Ventolín, estilos dos cales poden aprender e gañar moito, en especial do segundo. Só o tempo dirá como pode avanzar a historia de Nos Miran, mais sería esperable que o seguinte traballo, tal vez menos apurado e máis maduro, sexa verdadeiramente destacable.

Nos Miran