A filmoteca galega dedica un ciclo ao director estadounidense Thom Andersen

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia acollerá dende hoxe e ata o 12 de abril unha retrospectiva case integral do profesor e cineasta norteamericano Thom Andersen, coñecido sobre todo polo seu documental Los Angeles Plays Itself (11 de abril), no que dá unha imaxe realista da cidade usando treitos de varios filmes, en contraposición á habitual construción ficticia de Hollywood.

Procedemento similar segue en Red Hollywood, que o CGAI proxectará o xoves 5 e na que se apoia en filmes clásicos para rescatar algunhas das figuras máis importantes do cine da época no seu país, silenciadas pola caza de bruxas de McCarthy contra o comunismo.

Non é esta a súa única película arredor da historia do cine. A recente The Thoughts That Once We Had, coa que se pecha o ciclo o xoves 12, é unha adaptación persoal dos conceptos do filósofo Gilles Deleuze sobre este ámbito, mentres que curtas como A Train Arrives at the Station (hoxe) ou The Tony Longo Trilogy (xoves 5) abordan tamén temas cinematográficos.

Consulta a web do CGAI coa información completa deste ciclo adicado a un dos máis secretos realizadores do cinema americano.